XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba o proxecto técnico de rehabilitación do interior da Casa das Máquinas

29/03/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, aprobou, entre outros asuntos, o proxecto técnico de rehabilitación do interior do edificio denominado "Casa das Máquinas", na rúa de Galeras. O orzamento total do proxecto, IVE incluído é de 166.909,43 euros; e conta cun prazo de execución previsto de 6 meses.

O obxectivo da intervención é completar a rehabilitación co condicionamento interior do inmoble que permita a súa posta en servizo; así como crear un espazo polivalente co uso social e cultural demandado polos propios veciños.

Os acordos explicounos, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Tamén destacou a dación de contas da axuda de máis de 555.000 euros da consellería de Políticas Sociais, destinada ao financiamento dos servizos sociais comunitarios no ano 2020. Esta axuda permitiu ao concello de Santiago reforzar o servizo cun traballador/a A1, 10 traballadores/as sociais, 2 educadores/as sociais. Tamén se reforzou o programa específico de inclusión social dirixido a pesoas sen fogar-Covid19; o programa básico de inserción social ao abeiro do que se prestaron as axudas municipais de emerxencia social Covid19; e a prestación básica do SAF (Servizo de Atención no Fogar).

No apartado de licenzas, o executivo municipal deu luz verde á instalación dun ascensor nun edificio da Avenida de Lugo; ao parcelamento de varias parcelas no Polígono Único Sector 1 S.U.N.P. 31 San Marcos; e á ampliación do prazo de execución das obras "Actuacións no Camiño Francés en Santiago de Compostela: remodelación da rúa dos Concheiros" por un período de 30 días hábiles, polo que a nova data de finalización dos traballos será o 28 de setembro de 2021.

Covid19
O alcalde volveu pedir prudencia á poboación no comezo da Semana Santa, cunhas "condicións atípicas, extraordinarias, con grandes limitacións" de mobilidade, "cun importante grado de afectación no sector turístico", pero coas "rúas de Santiago ateigadas de persoas o sábado e domingo" pasados.

Sánchez Bugallo reitera, unha vez máis, que "debemos manter as medidas de seguridade. Os datos da pandemia non son malos en Santiago", por debaixo da media de Galicia e da media española, "pero tamén é certo que desde hai algo máis dunha semana vimos asistindo a un crecemento continuado no número de casos activos". De momento, continuou, a cifra non se estabiliza, "con datos que empezan a incorporar os contaxios da ponte de Sán Xosé. Pero estamos en víspera de Semana Santa e debemos ter coidado". A incidencia acumulada a 14 días é de 68 casos (datos de hoxe), cando o 19 de marzo era de 41 casos por cen mil habitantes.

As previsións, sinala o alcalde, é que o número de contaxios vaia seguir medrando "a un ritmo moderado, e espero que esto se estabilice e empece a baixar despois de Semana Santa". Isto quere dicir, engade, "que non debemos baixar a garda, que debemos ser prudente. Esta é unha época propicia para os encontros sociais, cos que debemos ter moito coidado, para evitar que o resultado despois de Semana Santa sexa un retroceso".

Documentos relacionados



Compartir: