MULLER E BENESTAR SOCIAL

Investimentos na casa de acollida municipal

19/03/2007 O Goberno local aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o mantemento do Centro de atención a mulleres vítimas de violencia, dependente do Concello.

O organismo autonómico achegará 15.696 euros para os gastos de persoal e correntes derivados do funcionamento e mantemento do centro durante o ano 2007. A través deste centro, o Concello presta un servizo integral de atención, emerxencia, apoio, acollida e recuperación ás mulleres, no marco da Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

En materia de benestar social, ratificáronse convenios de colaboración con diversas entidades de carácter social: Cociña Económica (10.517 euros); Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer-AGADEA (3.606); Asociación de Viúvas "Rosalía de Castro" (4.000); Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (8.000);e Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais (4.000 euros).

Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da sinatura do convenio de cooperación entre o Concello de Santiago de Compostela, a Consellería de Sanidade e o SERGAS para o desenvolvemento dos programas de tratamento de drogodependencias. Este acordo fixa unha achega de 505.093 euros para estes programas.

Compartir: