VENDA AMBULANTE E ACTIVIDADES NA VÍA PÚBLICA

Nota aclaratoria sobre a normativa de venda ambulante e de actividades artísticas na vía pública

26/03/2021 O Concello de Santiago conta con dúas normativas diferenciadas que establecen as condicións nas que se poden desenvolver a venda ambulante, por un lado, e a actividade artística na rúa, por outro, ambas aprobadas en 2013.

Segundo se establece nestas normas:

- Para exercer a actividade de venda ambulante é preciso:

1. Estar dado de alta como autónomo para o exercicio do comercio.
2. Pagar a taxa correspondente á utilización de vía pública por venda ambulante.
3. Exercer a actividade na zona establecida ao efecto por parte do Concello. Na zona vella de Santiago pódese exercer na Rúa Nova.

- Polo que respecta á regulación da actividade artística na vía pública, a norma aprobada en 2013 establece as seguintes condicións:

1. A actividade artística non é unha actividade comercial. Por este motivo, non se pode poñer prezo nin vender. En caso de que un artista quixese proceder á venda tería que cumprir coa normativa establecida no regulamente de venda ambulante, ao igual que os demais comerciantes. O Concello, como administración pública, non pode establecer criterios discriminatorios nin condicións máis favorables para uns vendedores que para outros.
2. Os artistas deben realizar a propia actividade artística na rúa.

- O novo decreto de actividades artísticas, aprobado o 16 de marzo de 2021, precisa a normativa xa existente da seguinte forma:

1. Determínanse os espazos nos que poden emprazarse as actividades artísticas segundo o ditame da Comisión asesora do patrimonio histórico.
2. Modifícase a hora establecida para o Arco de Palacio: no canto de ser de 10 a 22 horas, será de 12 a 21 h.
3. A superficie de ocupación determínase en 1,5 metros cadrados.
4. En canto ás actividades artesanais, séguese o criterio establecido pola Comisión asesora do patrimonio histórico no relativo ao necesario respecto ao valor universal excepcional recoñecido á cidade histórica pola Unesco.

Compartir: