DEPORTES

Santiago de Compostela acolle esta fin de semana tres campionatos de España de loitas olímpicas

26/03/2021 O pavillón municipal de Santa Isabel, acollerá o sábado 27 e domingo 28 de Marzo, tres campionatos de España de loita nas tres modalidades olímpicas: loita feminina, loita libre olímpica e loita grecorromana. Presentárono esta mañá a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; Miguel Ángel Sierra, vicepresidente da Federación Española de Loitas Olímpicas e Pablo Rubén Pintos, responsable do campionato.

Os tres campionatos, organizados pola Federación Galega de Loita en colaboración co concello de Santiago, a Secretaría Xeral para o Deporte de España, a Federación Española de Luchas Olímpicas, e o Club de Loita Stellae e distintos patrocinadores privados; son:

- Campionato de España escolar U-15 de loitas olímpicas.

- Campionato de España cadete U-17 de loitas olímpicas.

- Campionato de España U-23 de loitas olímpicas.

A concelleira de Deportes destacou o alto número de inscricións nos tres campionatos, 512, cos mellores deportistas nacionais desta modalidade, procedentes de 15 comunidades autónomas. Esther Pedrosa lembrou que se seguirán, como sempre, os protocolos e normativas anticovid, polo que a competición será sen público, pero poderán verse en liña a través da plataforma da Federación Española. A pesares das restricións, "hai unha estimación de máis de 120.000 euros que revertirán na cidade, o que é moi importante nestes momentos", sinalou a concelleira.

Pablo Pintos agradeceu as facilidades dadas polo concello de Santiago, para albergar, sinalou "o campionato máis grande de España que hai neste 2021". Nunha situación como a actual, Pintos asegurou que o importante "é pór en marcha o deporte. O deporte xera ilusión, afiliacións, licenzas e neste caso un retorno económico importante, focalizado na hostalería".

Estes tres campionatos son a primeira competición nacional organizada en Santiago de Compostela dende o ano 2019. Este fin de semana será o punto de arranque desta nova tempada, marcada pola seguridade e os protocolos COVID, establecendo un marco único de seguridade para todos os participantes. A obrigatoriedade de facer os test de antíxenos naseo-farínxeos, previos a competición, así como test aleatorios no Hotel OCA Puerta del Camino, onde estarán todos os equipos aloxados, formando unha burbulla de seguridade, será a grande novidade de estes eventos.

Campionato
Estes tres campionatos serán unha proba selectiva para participar nos campionatos de Europa e do Mundo deste ano, segundo subliñou Miguel Ángel Pinto, quen destacou que "este é o campionato máis grande que se vai organizar en 2021". Se non fose pola pandemia, sinalou "virían a Santiago case 5.000 persoas", entre deportistas, organizadores e familiares.

A competición desenvolverase no pavillón municipal de Santa Isabel en tres períodos de tempo diferenciados, para separar os deportistas. O sábado 27, de dez da mañá a dúas do mediodía, terá lugar o campionta de España Escolar. Xa pola tarde, de catro a oito, desenvolverase o campionato de España cadete. E o domingo, 28, de dez a dúas, o campionato de España U-23, que son os que pasarán á selección absoluta.

As adestradoras e adestradores nacionais estarán moi pendentes dos resultados dos/as deportistas para confeccionar as diferentes seleccións españolas, de cara as vindeiras citas continentais e mundiais. Destaca o aumento no número de deportistas femininas que compiten, sendo Galicia Galicia un dos referentes a nivel nacional no deporte feminino.

Catro dos árbitros convocados polo Colexios Nacional de Xuíces Árbitros, pertencen ao colexio galego. Ademais, Galicia presenta a cinco mulleres árbitros para o ascenso a categoría nacional.

Compartir: