PLENO

O Pleno aproba inicialmente o regulamento do Consello municipal de persoas maiores

25/03/2021 Na súa sesión ordinaria do mes de marzo, o Pleno do Concello aprobou inicialmente o regulamento do Consello municipal de persoas maiores.

Como indicou a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, "este regulamento reflexa a vontade municipal de materializar o Acordo acadado polo Pleno Municipal en data 24 de Outubro de 2019 e dotar de autonomía propia ao Consello municipal de persoas maiores co obxectivo fundamental de impulsar iniciativas orientadas de cara a un envellecemento activo". A edila reivindicou tamén o papel da administración local, que se "converte nunha referencia clara para a promoción de actividades, así como para a prestación de cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da cidadanía, na que se inclúen os nosos maiores".

A concelleira lembrou tamén a necesidade e oportunidade da revitalización deste órgano xa que "o número de habitantes de 65 ou máis anos empadroados no municipio de Santiago de Compostela medra cada ano, por iso se considera necesario facer efectivo o dereito de participación das persoas maiores, a través da formulación de propostas, consulta e colaboración coa súa administración local, entendendo necesaria a constitución deste Consello Sectorial de Maiores que faga que todo isto sexa posible".

A iniciativa para a súa constitución partiu, fundamentalmente, da Plataforma de Pensionistas de Compostela aínda que tamén outras entidades e asociacións amosaron xa o seu interese e a súa intención de participar. Todas elas poderán integrarse no momento no que consideren. O borrador de regulamento que rexerá o seu funcionamento tamén contou coa colaboración das entidades, pois puideron participar coas achegas que consideraron no período de exposición ao público. Este traballo de contacto coas entidades que representan as persoas maiores serviu tamén para actualizar os datos que constaban no departamento e así identificar mellor as asociacións que actúan con este colectivo.

Funcións
O texto regula a composición e funcionamento do Consello, entre outras cuestións, como por exemplo as súas funcións. Entre estas salientan a de promover, colaborar e asesorar na realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago de Compostela, cuxos resultados sirvan de base para calquera proposta de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo entre as persoas maiores e prestar o apoio e a asistencia que lle fose requirida; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior de Santiago de Compostela na sociedade compostelá; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, xa sexan públicas ou privadas, que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Compartir: