INFRAESTRUTURAS

Adxudicadas as obras de reurbanización da Rúa Nova de Abaixo

19/03/2007 O Goberno local adxudicou as obras de reurbanización da Rúa Nova de Abaixo, por un importe de 797.854 euros e un prazo de execución de mes e medio. Esta actuación seguirá o modelo estético e funcional das últimas rúas reformadas no Ensanche, como Xeneral Pardiñas ou República do Salvador.

As obras afectarán a toda a rúa, entre a Praza de Vigo e Montero Ríos. Unha das particularidades da actuación é que se gañará terreo para as beirarrúas, de xeito que non haberá espazo de carga e descarga entre Santiago de Lestero e e a confluencia co Montero Ríos. Estas zonas habilitaranse nas proximidades da Praza de Vigo e na propia Montero Ríos.

Por outra parte, tamén se adxudicaron as obras de substitución da rede de abastecemento na Avenida de Castelao. O Concello investirá 199.821 euros nestas obras, que teñen un prazo de execución de dous meses.

Reforzo do firme e melloras no abastecemento

Outro dos acordos da Xunta de Goberno local foi o inicio do expediente de distintas obras incluídas no plan de obras da Deputación da Coruña para 2007. En concreto, aprobáronse obras de mellora do firme da vía pública R-23-IV a Lamascal (269.750 euros) e da M-8-IV en Grixoa (215.739), ademais do reforzo do pavimento no lugar de Bargo (A Peregrina), por un importe de117.497 euros.

Neste mesmo plan de obras provincial inclúense as de substitución da rede de abastecemento na rúa de Vidán. Investiranse 58.655,85 euros.

Obras de limpeza, saneamento e acondicionamento

O Goberno local tamén adxudicou as obras de limpeza de cunetas e desbroce en parroquias do sector Norte (59.798 euros) e as de mantemento e conservación de beirarrúas na zona de Fontiñas (59.940). En canto a obras de abastecemento, ratificouse o proxecto para a substitución da rede na Rúa de Mallou, por importe de 59.991 euros. Esta actuación pretende responder ao incremento poboacional nesta zona, substituíndo a actual canalización por outra capaz de soportar maior caudal e presión.

En Figueiras, o Concello acondicionará os terreos públicos no lugar de Moas de Arriba, cun investimento previsto de 59.699 euros. Axardinarase a zona do campo da festa e acondicionaranse unha superficie para a creación dunha área de lecer e xogos infantís.

Subministros

En materia de parques e xardíns, aprobouse a contratación do subministro de mobiliario para as pistas deportivas de Volta do Castro, para os campos da festa de Roxos, Aríns e Choupana, e para o campo de fútbol de Cesar. En total, achegaranse 28.164 euros.

Compartir: