ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio de Galicia abre a exposición 'Solovki_Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello'

24/03/2021 Esta mañá presentouse na sala de prensa do concello de Santiago de Compostela a nova proposta expositiva do Auditorio de Galicia baixo o nome 'Solovki_Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello'; acompañaban á concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón a comisaria da mostra Alicia Ventura, o director - xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López e, entraron en liña, os autores das fotografías Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello.

Solovki é como se coñecen comunmente en Rusia as illas do arquipélago Solovetsky, na metade do mar Branco. Na zona máis protexida da illa principal, á beira dun porto natural, atópase o complexo ortodoxo do mosteiro Solovetsky, patrimonio da humanidade. Pero Solovki, ademais, foi prisión soviética. Hoxe en día, todo o mundo, habitantes, monxes e autoridades, tratan de enterrar este tráxico pasado. No entanto, os lugares teñen memoria e esa memoria queda impresa nas vidas das persoas que os habitan.

A comisaria Alicia Ventura traballa cos autores para facer unha selección de perto de setenta e cinco imaxes que exploran visualmente ese territorio para buscar a relación entre inferno e paraíso que o define. Utilizando unha estratexia narrativa máis próxima á poesía que ao documental, en todas as imaxes está presente a estraña tensión que existe entre a espiritualidade e a beleza da contorna e o terrible pasado que soportan as illas sobre as súas costas.

A exposición está dividida en catro grandes bloques temáticos. En primeiro lugar, exhíbense o mosteiro e os monxes, que representan o hermetismo e o poder. En segundo lugar, despréganse unha serie de retratos da xente común que habita Solovki. Ningún deles coñeceu as illas cando eran o escenario da prisión soviética. En terceiro lugar, aténdese á vida cotiá nela, aos nenos e os seus xogos, á escola, as casas e as rúas da localidade, estampas á vez costumistas e exóticas. E, por último, exponse unha aproximación ás pegadas emocionais que o gulag deixou no territorio. Completa a exposición unha selección de copias extraídas do arquivo gráfico de Yuri Brodsky, historiador considerado como o maior experto sobre Solovki na época do gulag, e un vídeo con material fílmico obtido da película Solovki, de 1928.

Alicia Ventura é historiadora da arte, música de formación, xestora cultural e comisaria independente. Cunha longa carreira profesional, dirixe Gestión Arte Ventura desde 2004. Destacamos o seu labor como comisaria e coordinadora do Programa Arteria DKV, como directora do proxecto cuidArt do Hospital Marina Salud de Dénia co que se sinte especialmente vinculada e como directora artística do Premio Cerveza Alambra de Arte Emergente. É patrona da LABoral Centro de Arte y Creación Industrial de Xixón e imparte regularmente cursos e conferencias, contando cunha una ampla bibliografía de artigos e publicacións.

Juan Manuel Castro Prieto é membro da Axencia Vu desde o ano 2000; en 2015 foi galardoado co Premio Nacional de Fotografía. A súa obra foi obxecto de numerosas exposicións e recoñecementos.

Rafael Trapiello desenvolve a súa carreira profesional como fotógrafo desde 2006. Membro do colectivo NOPHOTO desde 2014 e membro fundador do colectivo Nación Rotonda.

Relata Antonio Muñoz Molina no texto da publicación:
«O frío e o esquecemento» «Ningún dos dous me parece que chegase nunca tan lonxe como nesta viaxe a Solovki: tan lonxe no pasado en branco e negro e na negrura do gulag; tan lonxe nesas paisaxes nas que calquera figura humana adquire un dramatismo de naufraxio, e nas que toda presenza, toda memoria, se van disolvendo segundo a mirada da viaxe vai chegando máis cara ao norte, cara a eses horizontes que terminan na bruma e nas chairas de neve nas que se perdían para sempre sen rastro os exploradores polares do século XIX, cara a ese arco iluminado á entrada dunha fortaleza que foi mosteiro e prisión e castelo de irás e non volverás, cara a ese atardecer rosado no que termina unha estrada chea de fochancas, cara á negrura absoluta na que parece mergullarse o mundo, cun asomo de claro azulado de bosque moi lonxe, cun ceo que non se sabe se é de amencer, pero que sexa o que sexa é unha fronteira máis alá da cal xa non pode seguir a viaxe, nin pode haber máis fotos, nin máis imaxes, ningún recordo, só o frío e o esquecemento da desaparición» (Antonio Muñoz Molina, 2019, 'Solovki', Centro José Guerrero y Auth’Spirit)

Entrada gratuíta. Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h (Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)

Compartir: