ACCIÓN CULTURAL

O proxecto "Os nosos instrumentos, hoxe" permitirá, dun xeito didáctico, achegar a música tradicional aos centros de ensino

24/03/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada do director da Banda de Música de Santiago, Casiano Mouriño; e do músico intérprete e mestre de instrumentos populares, Suso Vaamonde; presentou "Os nosos instrumentos, hoxe"; un proxecto didáctico que, sinalou "nos vai permitir recuperar e aprender das nosas raíces musicais".

Os días 26 e 27 de marzo vanse gravar, no Auditorio de Galicia, 11 melodías, con 17 instrumentos traidicionais que forman parte do universo sonoro galego, como o charrasco, a lata, as cunchas, culleres, pandeiros, etc. Unha vez se realicen as mesturas e a post-producción da gravación, está previsto distribuila a través de dúas canles en centros de ensino, para amplialo despois a centros de maiores, centros socioculturais, ludotecas, etc. En concreto, editaranse uns mil DVDs; e a maiores, difundirase a través dunha plataforma en liña.

Mercedes Rosón explicou que este traballo, que "naceu da man de Suso Vaamonde e de Casiano Mouriño, é un canto ás nosas raíces, á nosa identidade melódica". Un proxecto que xurde, continuou "para divulgar a gran riqueza de ritmos, temas e letras presentes na cultura tradicional e que precisamos recuperar se non queremos perdelos para sempre. É a mellor maneira de que o noso patrimonio musical chegue as escolas de Galicia, os institutos, os centros de maiores, o conxunto da cidadanía… Para que poidamos coñecelo, preservalo, gozalo e aprender con el", engadiu.

Estrutura
Casiano Mouriño explicou que a estrutura do DVD artéllase en tres partes: a visualización só do concerto da Banda de Música co solista, a modo de concerto didáctico musical; a visualización só das explicacións dos instrumentos un por un, o que constitúe un importante material de traballo para os centros de ensino; e a visualizacióin combinada, na que antes da interpretación de cada tema musical, o solista explica o funcionamento e características do instrumento que se vai escoitar.

Neste momento, segundo explicou Casiano Mouriño, o proxecto está na segunda fase, que é a gravación das pezas por parte da banda, que terá lugar os próxmos venres e sábado. O proceso comezou cos vídeos nos que Suso Vaamonde vai explicando como é cada instrumento, as súas características e funcionamento. A terceira fase será máis técnica, de montaxe, prudución e postprodución. O obxectivo é que o todo o proceso estea finalizado no mes de maio, coincidindo coas Letras Galegas.

Instrumentos
Suso Vaamonde cualificou o proxecto como "bonito, distinto". A pandemia, continuou, "é o xermolo para facer algo que vai chegar a moita máis xente da que estaban chegando cos concertos didácticos presenciais". A idea do proxecto naceu co obxectivo de difundir a música tradicional en tempos de restricións sanitarias. "Que os nosos instrumentos, hoxe, con todos os avances que teñen, pero respectando sempre a súa indiosincrasia tanto técnica como acústica", non queden só na xente que vai ir escoitalos ao Auditorio de Santiago, que "cheguen a todas as partes do mundo", grazas ás novas tecnoloxías.

Os temas incluidos no proxecto "Os nosos instrumentos, hoxe", xurdiron de dous espectáculos realizados coa banda. Un denominado "de tradición", con Suso Vaamonde, que versa sobre melodías populares; e o outro chamado "clásicos á galega", con melodías da música clásica interpretadas tamén con instrumentos tradicionais.

Suso Vaamonde explicou que os instrumentos tradicionais "tamén sufriron evolucións, e tamén están aplicando as novas tecnoloxías e novos materiais na súa fabricación. Amosou como o punteiro de gaita e outros instrumentos como as tarrañolas se poden realizar en 3D, nas cores que se queira e abaratando costes. E o importante, subliñou, "respectando a tímbrica, o son e o volume, o que nos permite pór en valor os instrumentos tradicionais de sempre, coas vantaxas que temos hoxe de control sobre a súa afinación". Permite, ademais, tocar melodías tanto tradicionais como clásicas.

O proxecto permitirá, sinalou Vaamonde, "aportar todas esas tecnoloxías novas que se están aplicando aos instrumentos tradicionais, explicándoos un por un, antes do tema que se interpreta coa banda. A isto engádese, un apartado didáctico, para que o profesorado poida escoller só un instrumento, ou só o concerto da banda". Este proxecto, rematou, amosa "que a tradición sigue viva porque sigue contando coas tecnoloxías de hoxe. Se algo caracterizou a tradición galega de sempre foi ser capaz de asimilar calquera evolución e adaptarse a ela, e non por iso perdela ou rexeitala".

Documentos relacionados



Compartir: