ALCALDÍA

Xuntanza con Cáritas Diocesana

23/03/2021 No marco dos encontros coas distintas entidades de servizos sociais que operan na cidade, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, mantiveron hoxe una xuntanza co presidente de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño.

A reunión serviu de marco para valorar o traballo realizado durante o ano pasado e para articular o convenio que se asinará neste 2021.

O Concello achegou en 2020 120.000 euros para o programa de atención primaria de Cáritas (que desenvolven Cáritas Interparroquial e Cáritas Diocesana) e 30.083,94 euros para o programa Vagalume.

A través do programa de atención primaria aténdese a persoas en risco de exclusión social, tratando de dar resposta a calquera demanda social que sexa precisa. O traballo oriéntase dende diferentes eidos: a acollida, usando a técnica da entrevista; a atención, por medio da cal se detectan as necesidades e a orixe do problema; e a resposta, dun xeito integral segundo a demanda.

Todos estes aspectos coordínanse cos servizos sociais comunitarios da Área de Políticas Sociais do Concello para a resolución e resposta inmediata ante solicitudes de axudas de emerxencia xa previamente valoradas polos/as técnicos/as municipais no marco do presente programa de atención primaria.

Así mesmo, finánciase o programa ALARES de vivendas de transición á autonomía para persoas sen fogar, que desenvolve Cáritas Diocesana nun inmoble sito no barrio de Fontiñas de titularidade municipal.

Pola súa banda, o programa Vagalume de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución busca continuar coa atención integral ás participantes nos seus procesos de desenvolvemento persoal, e ten como obxectivo lograr o seu empoderamento persoal, social, familiar e laboral, especialmente no momento actual co aumento de vulnerabilidade social e de saúde por mor da situación de alerta COVID-19.

Compartir: