POLÍTICAS SOCIAIS

Aberto ata o 13 de abril o prazo para solicitar as axudas para o servizo de taxi por parte das persoas con dificultades de mobilidade

23/03/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta mañá en rolda de prensa as bases da convocatoria para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo para o ano 2021, axudas que contan cun orzamento global de 15.000 euros. Estivo acompañada polo técnico do departamento encargado da xestión das axudas Javier Maroño, e pola xefa de sección de Servizos Sociais, Eva González.

Como indicou a concelleira, son "axudas económicas, de carácter individual que concede o Concello de Santiago de Compostela a persoas que, a causa da súa discapacidade, enfermidade crónica, tratamento que reciben ou idade, teñan dificultades para o uso do transporte colectivo". Mila Castro lembrou que, aínda que o prazo de solicitude está aberto ata o 13 de abril, poden xustificarse tamén os servizos empregados desde o 1 de xaneiro, polo que é importante que se garden as facturas ou documentos que acrediten o devandito gasto. A data máxima para a xustificación será o 29 de outubro de 2021.

O obxectivo das axudas é "fomentar que todas as veciñas e veciños de Santiago de Compostela poidan acceder aos mesmos lugares en condicións de igualdade", con independencia das circunstancias persoais ou sociais de cada un.

Quen pode ser persoa beneficiaria destas axudas?
- Persoas con discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, que lles dificulte o uso do transporte colectivo e que residan en calquera zona do municipio.
- Persoas con discapacidade visual, cun grao de limitación igual ou superior ao 75 %, que residan en calquera zona do municipio.
- Persoas sometidas a tratamentos periódicos en centros hospitalarios da cidade, que acrediten dificultades para conducir e para o uso de transporte público, que residan en calquera zona do municipio.
- Persoas con calquera grao de discapacidade que residan en zonas rurais do municipio, pola menor frecuencia de liñas de transporte público.
- Persoas afectadas por calquera doenza que lles impida conducir e que residan en zonas rurais do municipio.
- Persoas maiores residentes no contorno rural deste concello

Requisitos para ter dereito a estas axudas
- Estar empadroados en Santiago de Compostela e pertencer a algún dos colectivos poboacionais sinalados anteriormente.
- Dispor duns ingresos persoais inferiores ao 300 % do IPREM (isto é, 20.336,40 €, calculado en 12 pagas).
- Que a persoa solicitante careza de vehículo adaptado ou que non poida utilizalo.
- Non ser beneficiario do transporte adaptado 065 para a mesma finalidade

Importes das axudas
- 350 €: Ingresos persoais ata o 150 % do IPREM anual
- 250 €: Ingresos persoais de máis do 150 % e ata o 250 % do IPREM anual
- 150 €: Ingresos persoais de máis do 250 % e ata o 300 % do IPREM anual

Que documentación hai que presentar?
- Impresos correctamente cubertos (O Departamento municipal de Servizos Sociais dispón dun servizo de apoio para a presentación da solicitude).
- Fotocopia de DNI + IBAN (neste caso, o titular da conta ten que coincidir cos datos de quen solicita a axuda).
- Acreditar documentalmente pertencer a algún dos colectivos beneficiarios.

Onde hai que presentar a solicitude?
Na Sede electrónica do concello, no rexistro xeral do concello (rúa Presidente Salvador Allende, 2-4. Zona Galeras) ou nos órganos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Prazo para a presentación da solicitude
O prazo estará aberto ata a vindeiro 13 de abril (15 días hábiles, contados dende o día seguinte á publicación no BOP da Coruña).

Documentos relacionados



Compartir: