URBANISMO

O alcalde confirma que a Xunta acaba de seleccionar a parcela da rúa de Londres para construir a sede do Imelga

22/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acaba de confirmar, xusto despois da xuntanza mantida cunha representación da plataforma veciñal en defensa do parque Begoña Caamaño, que a parcela na que se construirá a sede do Imelga é a situada na rúa de Londres, ao lado da rotonda. O concello puxera a disposición da Xunta tres terreos de titularidade municipal: un a carón do parque, outro na rúa de Berlín, e o da rúa de Londres.

A decisión da Xunta de Galicia de escoller a parcela situada na rúa Londres foille comunicada durante a reunión, segundo explicou o rexedor, polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Na xuntanza, á que tamén asistiron a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o concelleiro de Relacións Institucionais e portavoz do Grupo Socialista, Sindo Guinarte; a plataforma veciñal amosou a súa "sensibilidade" ao goberno municipal ao entender que a parcela localizada a carón do parque Begoña Caamaño non era a axeitada. Un problema que segundo o alcalde, "queda resolto". Agora, anunciou, está prevista unha reunión o mércores, día 24, "para formalizar esa petición" de cesión da parcela da rúa Londres.

A parcela seleccionada pola Xunta de Galicia conta con 2.020 metros cadrados e localízase no cruce coa rúa de Roma, xusto ao lado da rotonda que sae cara o periférico; e permite baixo e tres alturas. Conta cun volume de edificabilidade máxima de 3.030 metros cadrados, é dicir, 1,5 metros cadrados de edificabilidade por cada metro cadrado de sólo.

Compartir: