TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade no mercado neerlandés

22/03/2021 Turismo de Santiago participa nunha acción de promoción específica para o mercado neerlandés organizada pola Oficina Española de Turismo da Haia e o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade. A acción consiste en dúas xornadas por Internet con público especializado.

A primeira xornada tivo lugar o pasado 18 de marzo e dirixiuse a axencias de viaxes centradas en turismo cultural e gastronómico. O día 25 estará dedicado a xornalistas, tamén especializados en turismo cultural e gastronómico. En ambas xornadas hai unha axenda de encontros individuais cos participantes e unha presentación xeral de cada cidade.

España é o terceiro país preferido para viaxar para os neerlandeses. Ademais é o quinto mercado emisor para España en volume anual de turistas. Antes da pandemia, os neerlandeses viaxaban dúas ou tres veces ano, sendo así un gran mercado para o país.

A previsión é que, tras a Covid-19, os neerlandeses demanden novas formas de turismo en espazos abertos, tanto de costa coma de interior, viaxes en caravana e rutas ciclistas. Para viaxes curtas, prefiren lugares non masificados e cunha conexión aérea directa.

Con esta acción no mercado neerlandés, Turismo de Santiago continúa co traballo de promoción de cara á recuperación da demanda internacional unha vez se superen as restricións á mobilidade. Por exemplo, neste mes de marzo a entidade de promoción turística municipal participou nunha xornada dirixida aos mercado de EEUU e Canadá.

Compartir: