EMPREGO

Recta final da campaña "Cambia o mood: activa o modo bosque", que xa supera as 2000 fotos subidas nas redes

20/03/2021 A campaña "Cambia o mood: activa o modo bosque" impulsada pola área de Emprego do concello de Santiago con motivo do Día Internacional dos Bosques que se celebra o domingo, 21 de marzo, xa superou as 2.000 fotos etiquetadas en redes co cancelo #1foto1arbore desde que se activou, hai algo máis dunha semana. Está previsto que por cada foto recibida o concello plante unha árbore, co obxectivo de repoboar con especies autóctonas, como carballos ou bidueiros, os montes de Compostela. Os traballos de plantación xa comezaron. A maiores, 150 imaxes foron seleccionadas para formar parte do decorado da cidade.

Outra das finalidades da campaña é visibilizar a importancia que ten o papel dos bosques e os espazos verdes no benestar, na saúde, a sustentabilidade, no emprego e por suposto no cambio climático. "Cambia o mood: activa o modo bosque" pensouse como unha campaña destinada, sobre todo a xuventude, pero tamén está acadando un gran éxito entre os non tan novos. En cifras xerais ata o de agora, suman xa máis de 1.200 fotos no feed de Instagram das contas públicas. Hai outra gran cantidade de participantes que empregan contas privadas, polo que non poden ser contabilizados. A estas súmanse máis de 450 historias tamén en Instagram, máis de 500 tweets e máis de 130 mencións en Facebook. O balance final farase unha vez remate a campaña, o domingo día 21, polo que nestas últimas horas aínda se poden seguir aportando máis imaxes. Só se pide que sexa unha árbore, que estea etiquetada co cancelo #1foto1arbore, e que se cite a Talentia Summit (@TalentiaSummit)

Máis de 150 imaxes foron seleccionados para formar parte do decorado da cidade. Exporanse nas árbores que medran no Ensanche de Santiago a modo de taboeiro de Instagram. Este soporte publicitario, nada habitual, permite converter ás persoas paticipantes en protagonistas da iniciativa, coa súa foto como cartel. A maiores, ponse en valor o papel destas árbores urbanas, que moitas veces pasan inadvertidas, pero que xogan un rol importantísimo no día a día das nosas rúas. Estas fotos poderán ser recollidos polos
seus autores cando remate a campaña.

No marco da campaña instalouse un photocall de neón no Paseo da Ferradura, na Alameda, xunto á Porta dos Leóns. Colocouse o venres, día 12 de marzo, e desde entón é un punto clave de parada para sacar fotos e xogar coas luces.

Por cada foto, o concello de Santiago comprométese a plantar unha árbore. Esas plantacións xa se están levando a cabo desde o pasado mércores. Un labor que están realizando as persoas que integran o Obradoiro de Emprego Creas III, na especialidade de repoboación forestal. En concreto, están plantando carballos e bidueiros na finca municipal de A Remuiña e tamén no Monte Viso.

Compartir: