XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de goberno local aproba a convalidación da solicitude de subvención para o obradoiro de emprego "Santiago sustentable III"

22/03/2021 A Xunta de goberno Local, reunida en sesión ordinaria, acordou convalidar a solicitude de subvención para o proxecto de obradoiro de emprego "Santiago sustentable III", formulada ao abeiro da "Convocatoria das axudas e subvencións para os programas de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro de garantía xuvenil". Tamén se deu luz verde ao compromiso de gasto correspondente ao concello, que ascende a 32.570,04 euros divididos en dúas anualidades: 10.000 euros en 2021 e 22.570,04 en 2022.

O Proxecto de Obradoiro de Emprego "SANTIAGO SUSTENTABLE III", do que se solicita a subvención, ten un custe de 402.062,36 euros, dos que 369.492,32 serían achegados pola consellería de Emprego e o resto polo concello de Santiago. Ten unha duración prevista de 12 meses, do 1 de outubro de 2021 ao 31 de setembro de 2022; e prevé formar a 16 alumnos traballadores/as en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, que inclúe os certificados de profesionalidade de "Desenvolvemento de aplicación con tecnoloxías web" (IFCD0210), e "Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos" (IMSV0209).

Por outra banda, o executivo municipal acordou requerir á empresa Autos Iglesias SL, adxudicataria do contrato "Subministración mediante "renting" de oito vehículos monovolumen para a policía local", un abono de 35.091,99 euros polos quilómetros non consumidos durante o alugueiro corespondente aos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. A maiores, polo mesmo concepto, requeriránselle outros 867,47 euros, correspondentes ao exercicio 2019, a Patrimonial Feranpe, polo contrato de renting dun vehículo todo terreo tamén para a policía local.

Entre outros asuntos, tamén se acordou conceder licenza de obra de demolición á empresa "Apartamentos y centros negocios Cancelas SL", para a demolición da edificación existente na rúa de Romero Donallo, número 90, fronte á gasolineira. O orzamento de execución material é de 48.180,57 euros.

Lixeira tendencia á alza nos casos de covid
O alcalde aproveitou a comparecencia para dar conta da situación da covid no municipio. Os datos dos últimos días amosan "un certo deslizamento á alza", o que sitúa a cidade nos 58 casos activos e nunha incidencia acumulada a 7 días de 33 casos, e a 14 días, de 51.

Á luz destas cifras, e tendo en conta "que aínda non coñecemos os datos da ponte de San Xosé, que se verán para a semana que vén", o alcalde reiterou o chamamento á prudencia, á responsabilidade e ao respecto ás normas porque "o importante é dar pasos cara adiante, aínda que sexan pequenos".

En xeral, segundo sinalou o rexedor, a actuación da cidadanía está a ser correcta. Non obstante, "estase a actuar sobre os comportamento incívicos e insolidarios". Durante a fin de semana, a Policía local tramitou 14 propostas de sanción por festas en pisos, unha cifra que "sigue sendo alta", a xuízo do rexedor.

Sánchez Bugallo lanzou unha mensaxe de ánimo: "entramos nun escenario mellor: as vacinas estanse xeralizando e os sectores de risco teñen máis protección", aínda así lembrou a necesidade de ser escrupuluoso no cumprimento das medidas anticovid, en especial de cara á Semana Santa.

Documentos relacionados



Compartir: