DEPORTES

O Auditorio acollerá o luns 22 a gala de entrega dos Premios Santiago Deporte

17/03/2021 Os V Premios Santiago Deporte terá a súa gala o vindeiro luns, 22 de marzo. Na cerimonia, que comezará ás 19.30 h horas, entregaranse os galardóns das 12 categorías desta edición, que teñen como obxectivo fundamental recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2019/20 ou no ano 2020 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o xornalista Manuel García Reigosa, integrante do comité avaliador, presentaron os detalles destes Premios Santiago Deporte, que, ademais do recoñecemento público, conlevan un diploma acreditativo e nunha medalla conmemorativa personalizada. A gala, que terá lugar no Auditorio de Galicia, será retransmitido por streaming a través da canle de YouTube do Concello.

Premiados/as
No apartado de deportista feminina categoría base, a gañadora é a atleta Ainoa Gontán Iglesias. O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, recae no ximnasta Ismael Navaza Eiras. En categoría absoluta, a mellor deportista feminina é Estrella López Sheriff (yudoka), mentres que en categoría masculina se alza co recoñecemento Roberto Vieiro Pérez (marcha atlética). En canto ao deporte adaptado, o xinete Jonathan Barral Otero acada o recoñecemento do xurado como o deportista con máis méritos ao longo deste ano.

A entidade deportiva máis destacada desta edición é a Sociedade Deportiva Compostela, mentres que a entidade educativa galardoada será a USC. O recoñecemento ao patrocinio deportivo recae no grupo Jerubex Ibérica SL. Tamén se premia ao ADB Fontiñas como promotores da mellor actividade ou acción social.

O galardón ao/á adestrador/a máis destacado/a recibirao Antonio Barros Senín, do Ulla Oil Rosalía, e recoñecerase o labor como árbitra de Iris Díaz Feijóo, colexiada na LIGA EBA.

O premio honorífico desta edición á traxectoria deportiva será para o karateka Roberto Peñamaría Basanta. Finalmente, haberá dúas mencións especiais: ao Obradoiro CAB SAD, con motivo do seu 50 aniversario; e ao deporte de Santiago en xeral, como recoñecemento ao traballo e dedicación de todas as persoas que forman parte do deporte local neste ano excepcional provocado pola pandemia da COVID-19.

Comité avaliador
Para o outorgamento destes premios constituíuse un comité avaliador, presidido polo alcalde da cidade e integrado pola concelleira de Deportes; por un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal; un representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; un representante da Deputación de A Coruña; un da Universidade de Santiago de Compostela e un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: