SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía local detecta só seis infraccións no uso do cinto tras controlar máis de mil vehículos

16/03/2021 Na semana do 8 ao 14 de marzo, a Policía local de Santiago, dentro da campaña de controis da Dirección Xeral de Tráfico, vixiou nas estradas e vías compostelás o uso do cinto por parte dos condutores e acompañantes, así como o correcto emprego dos sistemas de retención infantil.

Dos 1015 vehículos controlados, os axentes tan só realizaron seis denuncias: a cinco condutores e a un viaxeiro por non levar posto o cinto de seguridade. No que respecta ao uso dos SRI, non detectaron ningunha infracción.

Elemento básico de seguridade viaria
O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.

En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

Compartir: