XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba definitivamente o proxecto de urbanización de Casas do Rego

15/03/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou definitivamente o "Proxecto de urbanización do polígono de solo urbano non consolidado nº 39 de Casas do Rego". O alcalde de Santiago, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, sinalou que se vai recuperar esa antiga fábrica de curtidos, situada subindo cara ao monte Pedroso pola parte esquerda.

Trátase, segundo explicou o rexedor, dun lugar que leva moitos anos abandonado, e que agora se vai reurbanizar con dúas zonas verdes, unha na entrada e outra máis ampla, con arborado, na parte de atrás. No centro quedarían as antigas edificacións, que se van rehabilitar, "habilitando un total de 39 vivendas".

O alcalde cualificou esta actuación, de "extraordinariamente singular e interesante". Segundo o documento reformado presentado pola Xunta de Compensación o día 14.02.2020, establécense as seguintes condicións:

1ª. A actuación nos tres camiños tradicionais existentes queda condicionada ao resultado das sondaxes valorativas previas.

2ª. A execución das obras de urbanización e derruba efectuarase baixo supervisión arqueolóxica.

3ª. As obras de recuperación da antiga fábrica requirirán a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

4ª . Na execución das obras de evacuación das augas residuais rebaixarase a pendente dos tramos ata un máximo do 5%, co obxecto de cumprimentar as indicacións do informe de Viaqua, de data 27.07.2020.

5ª. Adaptarase o modelo de luminarias para mellorar as condicións de mantemento sinaladas no informe do enxeñeiro técnico de alumeado público.

6ª. A execución das obras que afecten ás zonas de dominio público, servidume e policía do río Sarela quedan condicionadas á previa autorización de Augas de Galicia.

7ª. Antes de iniciar as obras de urbanización, a Xunta de Compensación deberá constituír a garantía esixida polo artigo 230 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, cun importe de 46.423,35 euros (10% do orzamento de execución material).

Escola Municipal de Música
O executivo municipal tamén aprobou hoxe os procedementos e apertura dos prazos de reserva de praza, solicitudes de admisión e matrícula na Escola Municipal de Música para o curso escolar 2021-2022. Os prazos de preinscrición son:

Para o alumando actual do centro

Preinscrición alumnado iniciación musical: do 22 ao 26 de marzo.

Alumnado de música e movemento PEX e PEPA. Renovación praza do 20 ao 30 de abril.

Solicitudes de novo alumando. Primeira convocatoria.

Período de preinscrición: do 10 ao 31 de maio de 2021.

Toda a informacion sobre o proceso, así como os prazos oficiais de preinscrición e matrícula, publicaranse no taboleiro da EMM, na páxina web do Concello de Santiago e na web da EMM www.esmucompostela.es.

Axudas para uso do taxi
A maiores, deuse luz verde ás bases da convocatoria das axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo do Concello de Santiago de Compostela, que agora deberán publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O importe destinado a esta convocatoria é de 15.000 euros.

En liñas xerais poderanse beneficiar destas axudas as persoas empadroadas e residentes no Concello de Santiago que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos; que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75 %; as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade, que acrediten mediante informe médico as dificultades ou a non conveniencia de condución de vehículos e de uso do transporte público; as persoas con discapacidade, residentes na contorna rural, polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público; as persoas residentes no rural que, afectadas por unha determinada doenza, acrediten mediante informe médico que non están autorizadas a conducir; e persoas maiores residentes no rural polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.

As contías dependerán dos ingresos da persoa solicitante e aboaranse nun pago único, previa presentación das facturas ou documentos correspondentes emitidios polos profesionais do taxi. Así, ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) anual, poderán solicitar ata 350 euros; máis do 150% do IPREM, 250 euros; e entre o 250% e o 300% do IPREM anual, 150 euros. A data máxima de presentación de facturas é o 29 de outubro de 2021. Son válidas as emitidas entre o pasado 1 de xaneiro e a data de xustificación antes mencionada.

Escolas Infantís Municipais
Aprobouse ademais, a solicitude de subvencion á Consellería de Política Social para o Plan Concertado de Servizos Sociais Comunitarios Específicos, para financiar as Escolas infantís municipais durante o ano 2021. Neste caso, para o mantemento e o desenvolvemento dos centros de Conxo, das Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños tense en conta que a consignación inicial no presente orzamento 2021, é a que resultar ser interinamente do prorrogado do ano 2020, que ascendía a 809.486,83 euros. O 70% desta cantidade iría con cargo á Xunta e o 30% é de achega municipal.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación "Refuxio de animais" para a recollida de animais abandonadas e o seu coidado ata que se produza a súa reclamación ou adopción, pola cantidade anual de 200.000 euros.

A maiores, deuse luz verde ao proxecto técnico de renovación da sala de caldeiras existente no Pazo de Raxoi, cun orzamento de 137.704,16 euros. O prazo de execución previsto é de dez semanas.

E tamén se adxudicou o contrato do "Servizo alleo de prevención de riscos laborais para o Concello de Santiago de Compostela á empresa Gerosalud, S.L. por un importe de 90.000 euros: 35.000 euros especialidade de medicina do traballo e vixilancia da saúde (exenta de IVE) e 55.000 euros especialidade hixiene industrial e actividades de apoio (con IVE). A cantidade total con IVE ascende a 101.550 euros.

Compartir: