MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago celebra o seu 25 aniversario

13/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiron o acto de celebración deste cuarto de siglo, no que tamén se presentaron os tres novos vehículos cos que contará a Agrupación para afrontar con maiores garantías os vindeiros Anos Santos. Ao acto tamén asistiron Blas García Piñeiro, deputado responsable de Promoción Económica e Asistencia a Municipios da Deputación de A Coruña; a concelleira e deputada provincial Mila Castro; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o concelleiro actual de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Gonzalo Muíños; e moitos dos que o antecederon no cargo ao longo dos últimos 25 anos; e a responsable de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río, entre outras autoridades.

A praza do Obradoiro acolleu a presentación dos tres novos vehículos cos que contará a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil: un vehículo todo camiño, un todo terreo e un furgón para o seu emprego dentro do concello ou en concellos limítrofes en materia de protección civil e na atención ás emerxencias, especialmente en materia de prevención, promoción, divulgación, información e socorro dos/as peregrinos/os que camiñan polas diferentes rutas cara a Santiago de Compostela, así como nos actos múltiples de concentración de persoas en eventos programados.

A adquisición dos tres vehículos, cun custo total de 120.000 euros, foi financiada polo Concello de Santiago, con 10.000 euros, e pola Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a Deputación da Coruña, con 55.000 euros cada unha.

Serán por conta do Concello todos os gastos de matriculación seguros, etc así como o manexo, mantemento e eventuais reparacións dos vehículos e dos equipos de emerxencia que os integran. Así mesmo, o Concello farase responsable da dotación de persoal necesario para o manexo dos vehículos.

O convenio asinado para a adquisición destes tres novos vehículos contempla tamén que o Concello de Santiago de Compostela colaborará co organismo da Xunta de Galicia con competencia en materia de protección civil, na prevención de riscos, autoprotección e na xestión de emerxencias de ámbito local ou comarcal, dentro das súas posibilidades técnicas e de persoal, cando así fora requirido polas autoridades de protección civil, así como na organización e realización de operativos, exercicios, simulacros e divulgación e no desenvolvemento dos plans territoriais e especiais de protección civil.

25 anos
Neste acto tamén se conmemorou o 25 aniversario da Agrupación de Santiago, que nacía un 13 de marzo de 1996. Tal e como destacou o alcalde, un dos seus impulsores sendo concelleiro, "aínda que son moitísimas as cousas que mudaron nestes anos -os medios, a formación, o material, etc- hai algo que segue intacto: a ilusión por axudar, o altruismo, a xenerosidade, o compañeirismo, a vocación de servizo público... Todas esas características que forxaron dende os seus inicios esta AVPC".

As orixes remóntanse ao pavillón de madeira ubicado na rúa da Trinidade, onde só había unha mesa, unha silla, un chaleco de obra "prestado" pero "moitísima ilusión e ganas de axudar". Os voluntarios ían nos seus vehículos particulares, coa súa roupa e os seus equipos de radioafeccionados. Faltaba de todo, pero sobraba xenerosidade e compañeirismo. Daquela época cabe destacar aos precusores desta Agrupación de Voluntarios de Protección Civil: os concelleiros Xosé Sánchez Bugallo -hoxe alcalde da cidade- e Alejandro Sánchez-Brunete, que segue na Corporación deste Concello e foi concelleiro delegado de Protección Civil. Tamén ao xefe de Bombeiros naquel momento, Cesáreo Rey, e José Manuel Traba Gesto, sarxento da Policía Local en 1996, e xefe do corpo posteriormente.

Desde aquel 1996, con Manolo Martínez Ruiz á fronte, esta Agrupación de Voluntarios de Protección Civil comezou a facerse útil, grazas a todos aqueles que comezaron coas mans baleiras e deron todo o mellor de si mesmos. Salientan os voluntarios que cada operativo de Protección Civil Santiago de Compostela ten algo especial, pero hai algúns que, pola súa transcendencia, lémbranse especialmente. Os máis veteranos non esquecen a andaina solidaria reclamando a liberdade para José Antonio Ortega Lara e Cosme Delclaux efectuada no Camiño de Santiago en febreiro de 1997, ou a madrugada do 22 de maio dese mesmo ano, cando a terra tremeu na cidade e os voluntarios estiveron toda a noite comprobando pontes e grandes estruturas, en prevención de danos ou derrubamentos. E en 1999 a Agrupación enfrontouse ao seu primeiro Ano Santo: milleiros de peregrinos, andainas, baixadas de cabalos, etc, que abordaron con éxito e entrega.

Nas súas retinas, aquel novembro do 2002 no que o Prestige tinguiu de negro as costas galegas e o voluntariado desta Agrupación de Protección Civil axudou en Camariñas. No ano 2004, Ano Santo, un Boeing 747 con 487 persoas a bordo que facía a ruta Surinam-Holanda tivo que facer ás 07:50 horas unha aterraxe de emerxencia en Lavacolla por conato de incendio na bodega. Protección Civil encargouse de aloxar á pasaxe, entre a que había setenta nenos, que levaban dez horas voando. As crónicas do momento recollen como o primeiro que fixeron os voluntarios foi repartir caramelos entre os pequenos para romper o xeo, nunha xornada que durou dez horas repartindo colchóns, mantas nas salas improvisadas no aeroporto e mediando entre os pasaxeiros, pois non había acomodo suficiente. Despois chegaría o 2010, de novo Ano Santo, e nesta ocasión con visita do Papa Benedicto XVI incluída.

Outro punto de inflexión foi o terrible accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013. Os voluntarios de Protección Civil Santiago de Compostela estaban na praza do Obradoiro, preparados para o operativo dos Fogos do Apóstolo. Correron para Angrois e alí estiveron ata ben entrada a noite, axudando a policías, bombeiros e sanitarios a evacuar os feridos, consolar os familiares e tratar de sacar os falecidos. Pero esta traxedia -que os sacudiu ata o máis profundo dos seus corazóns- durou moitos días mais: estiveron no CERSIA para reconfortar e trasladar os familiares das vítimas, no Multiusos de Sar, onde se depositaron os cadáveres e a onde os familiares ían recoñecer os seus seres queridos; tamén no Instituto Rosalía de Castro, a onde se levaron os enseres que se puideron recuperar; todo no medio dun silencio frío que eles, coas súas verbas e abrazos, tentaban minimizar.

Así chegamos ata o día de hoxe, no que esta AVPC, dirixida na actualidade por Begoña del Río, se converteu nunha entidade "imprescindible" en Compostela, colaborando intensamente coa Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil, os Bombeiros e os sanitarios. "Non hai evento na cidade que poida levarse a cabo sen estes voluntarios, homes e mulleres que seguen caracterizándose por esa profunda vocación de servizo público, altruísmo, empatía, xenerosidade, profesionalidade e compromiso", concluíu Sánchez Bugallo.

Así o demostraron tamén durante a pandemia. Cando o mundo estaba cheo de medo e incertezas, sempre en estreita colaboración co Departamento de Servicios Sociais, puxéronse mans á obra: reparto de alimentos, de material escolar a nenos que o precisaban, medicamentos a persoas confinadas, recollida de lixo a persoas en corentena sen apoio familiar, traballo con persoas sen fogar, atención as 24 horas a todo aquel que o precisara...Todo levado a cabo por uns voluntarios que non dubidaron nin un momento en arriscar a súa saúde por axudar a quen máis o precisaba. Dentro da tristeza e desolación provocadas pola Covid, conseguiron tamén arrincar sorrisos de pequenos e maiores cos xa célebres cumpreanos. Foron un total de 358 felicitados, no que foron "sen dúbida os operativos máis emotivos para moitos dos voluntarios, levando ledicia e ilusión a todas as rúas e moitas parroquias da cidade", como salientou a xefa da Agrupación, Begoña del Río.

Compartir: