PLENO

O Pleno do Concello de Santiago aproba a modificación do título III do PXOM, de regulación de usos

12/03/2021 O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria, aprobou inicialmente por maioría absoluta o punto 1 da orde do día relativo á modificación puntual do título III do PXOM, da regulación de usos.

Este punto obtivo a votación favorable do grupo socialista e de Compostela Aberta e a abstención do grupo popular e o BNG. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, xustificou o interese público da modificación, na finalidade de "preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente". E aclarou que o dereito constitucional á vivenda habilita ao planeamento urbanístico para limitar calquera forma de utilización da vivenda que desnaturalice a súa función residencial.

Na súa exposición, a concelleira de urbanismo e cidade histórica sinalou que o documento sometido a aprobación, ten por obxecto a reforma do texto normativo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) vixente, para dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da súa vixencia. "É o resultado dunha análise e valoración de todos os intereses que conflúen no interese xeral e na protección da cidade".

Un documento, recordou, elaborado de oficio polos servizos técnicos municipais, sobre o terreo, co coñecemento e experiencia do persoal de planeamento e tamén de licenzas do departamento de Urbanismo, profesionais que, explicou a concelleira, "coñecen a cidade e todas as sensibilidades e necesidades do noso tecido social e económico".

"Con todas estas necesidades sobre a mesa, e sen esquecer ese interese xeral, tatamos de facer unha lectura ampla de ordenación, na que contemplamos a economía colaborativa. Hai unha resposta a esa necesidade de economía colaborativa, que entendemos como positiva e acorde con ese obxectivo prioritario de mantemento do uso residencial que cómpre preservar polo interese xeral", engadiu Mercedes Rosón.

Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos; a identificación de distintas zonas na cidade, entre as que se atopan as zonas sensibles ou de risco, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial, como son a cidade histórica e o Ensanche; e a ordenación por plantas do edificio, é dicir, a autorización de vivendas de uso turítico na planta baixa cando se permitan viviendas nesa planta. Cando non se permitan, autorizaranse no primeiro andar.

A responsable de Urbanismo sinalou que "para que Santiago funcione como a cidade que é, como a cidade que queremos que sexa, o uso residencial debe ser maioritario; pero tamén se deben manter, nunha proporción adecuada, todos aqueles usos que sirvan, axuden, fomenten e sosteñan ese uso residencial".

Rosón recordou que a hospedaxe, ademais de substituir e limitar o uso da vivenda residencial, xera outros servizos complementarios propios, que resultan preocupantes e que non son os que necesita un residente permanente. Sinalou tamén que a modificación dá resposta, dun xeito equilibrado, a dous tipos de problemas: os que responden a unha situación sobrevida de carácter socioeconómico, e a outros detectados polos técnicos municipais no tempo de vixencia do plan.

Entre eses cambios que responden a unha situación sobrevida, está o incremento de vivendas destinadas a usos turísticos. Un problema que, subliñou Mercedes Rosón, se acelerou nos últimos anos en Santiago. "Un problema compartido con outras cidades de gran atractivo turístico, que supón unha ameaza para a esencia mesma da cidade como lugar no que habitar. A situación de emerxencia sanitaria creada pola pandemia da COVID puxo de manifesto a debilidade deste modelo e a fraqueza dunha cidade baseada unicamente no turismo ou nos servizos; amosándonos unha situación preocupante que se percibe con especial crudeza "na silenciosa e apagada cidade histórica".

Fronte a este problema, "a alternativa elixida é a que procura a perspectiva máis ampla, realizando unha ordenación pormenorizada do solo no seu conxunto, non limitándose só á simple regulación dos usos turísticos na cidade; e ao mesmo tempo, ten presente a incerteza do novo marco socioeconómico ao que nos diriximos"

A responsable de Urbanismo recordou que esta modificación está avalada pola normativa estatal e europa. Esta regulación, explicou Mercedes Rosón, "pretende aplicar os principios de desenvolvemento urbano sostible recollidos no artigo 3 do RD lexislativo 7/2015. A xustificación do interese público da modificación está na protección do uso residencial -entendido como aquel que satisface a necesidade de vivenda habitual ou domicilio das persoas residentes. Este uso, recordémolo, ten a súa orixe na norma constitucional que obriga aos poderes públicos a promover as condicións precisas para facer efectivo o dereito á vivenda, regulando a utilización do solo consonte ao interese xeral e impedindo a especulación (artigo 47 da Constitución española)".

Na mesma liña, sinalou, se pronuncia "a resolución do Parlamento europeo de 21.01.2021, sobre o acceso a unha vivenda digna e asumible para todos; que concede unha ampla discrecionalidade ás autoridades nacionais e locais para definir normas proporcionadas para a limitación de licenzas e políticas de zonificación especificas; para evitar a "turistización", o abandono dos centros urbanos en detrimento dos seus residentes.

Por todo isto, continuou, "o planeamento urbanístico non pode permanecer neutral ou indiferente perante a expansión indiscriminada das actividades que supoñen a utilización da vivenda para usos non residenciais. Antes ao contrario, o planificador está obrigado a intervir neste proceso de hotelización das vivendas, coa finalidade de preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente".

Na segunda intervención, a concelleira aclarou que a modificación non remata con este pleno: "vai ser un proceso participativo, longo, que coa exposición pública permitiranos mellorar o documento. A nosa vontade é estudar e analizar as aportacións que nos cheguen, as aportacións de todas as partes; polo tanto, non é un documento pechado".

Non é un documento pechado, pero sí, afirmou, un documento "rigoroso e obxectivo. Establece uns criterios claros, cunha fundamentación definida. E cunha finalizade clara: preservar o uso residencial".

Orzamentos
Nesta mesma sesión debatiuse o proxecto de orzamento e cadro de persoal de 2021, que foi rexeitado cos votos a favor do grupo socialista e en contra de PP, BNG e CA. Segundo informou o alcalde, quedou convocado un segundo pleno para o vindeiro mércores, 17 de marzo, ás 13 horas, no que se someterá novamente a aprobación este punto, neste caso vinculada a unha cuestión de confianza.

Compartir: