SEGURIDADE CIDADÁ

Begoña del Río, galardoada coa Medalla ao Mérito da Protección Civil

11/03/2021 A xefa da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e policía local de Santiago, Begoña del Río, recolleu esta mañá o galardón, que outorga o Ministerio do Interior, da man do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

En total foron 9 os condecorados polo seu traballo en prol da sociedade civil. Begoña del Río recibiu o galardón "en recoñecemento aos méritos acumulados ao longo dos últimos anos que, entre outras accións, contribuíron a facer do Camiño de Santiago e do Xacobeo unha celebración máis grande".

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu hoxe ás mulleres e homes da Protección Civil a súa entrega voluntaria e desinteresada que, día a día, "fan de Galicia unha Galicia mellor". Durante a súa intervención no acto de entrega das condecoracións do Mérito da Protección Civil, Javier Losada concentrou neste servizo "valores que definen unha democracia libre e avanzada", entre os que se inclúen "o heroísmo, a solidariedade, a colaboración e a cooperación".

Tras agradecer un a un o servizo de cada condecorado, Javier Losada exemplificou neles o que significa ser un "servidor público" no máis alto grao de compromiso persoal e profesional. A eles trasladoulles que este recoñecemento se fai "estensivo ao corpo ao que pertencedes" á vez que lles animou a redobrar esforzos para converterse en exemplo a imitar por outros "porque así garantiremos o noso crecemento como sociedade e que a nosa democracia sexa cada día máis libre e avanzada".

Compartir: