EMPREGO

230 persoas inscribíronse no que vai de 2007 na Bolsa de Emprego xestionada por Promoción Económica

16/03/2007 No que levamos do ano 2007, 230 persoas inscribíronse na Bolsa de Emprego ubicada nas instalacións que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na rúa Hórreo, número 100, inauguradas o 19 de decembro do 2006. 156 dos inscritos son mulleres, o que representa o 68% do total, e o resto, 72, o 32%, son homes. Unha media diaria de 30 persoas solicitan algún tipo de información sobre emprego, a metade persónanse no local e o resto infórmanse a través do teléfono 981 568 752.

Nas instalacións está situada a Central de Recursos para o Emprego (Crear) da Concellaría. A través do Crear ofrécense servizos de Información e Orientación Laboral, xestiónase a Bolsa de Emprego e desenvólvense dous programas: O Proxecto Crear III e o Programa de apoio á eliminación de barreiras para a inserción sociolaboral.

Un total de 57 persoas (29 mulleres e 28 homes) accedeu ao mercado laboral a través do Proxecto Crear III que comezou a súa andadura o 1 de xuño de 2006 e remata o 31 de maio de 2007. No programa participan 100 usuarios. 61 deles son mulleres e os outros 39 homes.

O obxectivo do Proxecto Crear é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. Os usuarios reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Personalizados de Inserción.

O Programa de apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral naceu en decembro do 2006 co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Trátase dun programa experimental que consiste na prestación de servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc. Pódense solicitar os seus servizos directamente nas instalacións da rúa Hórreo ou a través do teléfono 981 568 752.

Compartir: