DEPORTES

O pavillón municipal de Santa Isabel acollerá este vindeiro sábado 13 de marzo a Copa de Galicia de Loitas Olímpicas e os campionatos galegos de Grappling

10/03/2021 A Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita Stellae e o Concello de Santiago de Compostela organizarán este sábado a I Copa de Galicia de Loita Libre Olímpica, Loita Feminina e Grecorromana, que se desenvolverá en xornada de mañá, e o Campionato Galego de Grappling masculino e feminino, en xornada de tarde. En total, ambos eventos contarán con arredor de 180 participantes.

A Federación Galega de Loita e D.A. elixiu Santiago de Compostela para celebrar a primeira competición organizada en Galicia nos últimos 13 meses. Este sábado será o punto de arranque desta nova tempada.

A seguridade e os protocolos COVID rexerán ambas competicións, establecendo un marco único de seguridade para todos os participantes. A obrigatoriedade de facer os test de antíxenos naso-farínxeos previos á competición serán a grande novidade destes eventos. En total haberá 20 equipos que representan ás 4 provincias Galegas neste torneo de máximo nivel autonómico.Estes campionatos serán unha proba selectiva para participar nos campionatos de España deste ano 2021.

No caso das Loitas Olímpicas, o próximo gran evento será o 27 e 28 de marzo tamén en Santiago de Compostela, onde se organizarán os Campionatos de España U-15, U-17 e U-23 de Loitas Olímpicas, convertíndose a capital galega no centro da loita a nivel nacional.

A competición deste sábado desenvolverase en xornada de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas, de xeito ininterrompido. A entrada estará totalmente controlada polo protocolo COVID e será gratuíta para os asistentes e curiosos que queiran achegarse.

Este campionato será o primeiro filtro para seleccionar os deportistas que acudirán aos campionatos de España representando a Galicia:
- 27 e 28 de marzo en Santiago de Compostela: Cto. De España de Loitas Olímpicas U-15, U-17 e U-23.
- 10 e 11 de Abril en La Nucía (VAL): Cto. De España de Grappling e Grappling-Gi.

Os seleccionadores galegos estarán moi pendentes dos resultados dos deportistas para confeccionar as diferentes seleccións galegas. Cabe destacar o aumento no número de deportistas femininas que compiten, sendo Galicia un referente a nivel nacional no deporte feminino.

Por outra banda os integrantes do Colexio Galego de Árbitros e Xuíces, que está de noraboa polas últimas convocatorias para participar en eventos internacionais coa selección nacional, dirixirán esta competición, que se desenvolverá en tres tapices oficiais de 10 x 10 metros, cos novos valores da arbitraxe galega. Deste xeito, poden avaliar o nivel dos colexiados que acudirán aos vindeiros campionatos de España, representando a Galicia.

A Federación Galega de Loita agradece a "inestimable colaboración do Concello de Santiago de Compostela, aberto sempre ao deporte e que garante que estas competicións poidan levarse a cabo", así como ao Club de Loita Stellae de Santiago de Compostela, á Secretaría Xeral para o Deporte, á Deputación da Coruña, e aos patrocinadores privados que colaboran para que sexa posible organizar este tipo de eventos.

Compartir: