IGUALDADE

O parladoiro ‘Pensar o feminismo’ será un dos pratos fortes das xornadas Artellando Feminismo

10/03/2021 Dentro do marco da celebración do 8-M, Día Internacional da Muller, o xoves 11 de marzo, ás 18.30h, celebrarase unha mesa redonda en liña con personalidades de referencia a nivel estatal que reflexiona sobre o papel do feminismo en época da covid-19 e reivindica a representación feminina en todos os ámbitos da sociedade política, económica, científica e cultural. A charla, incluída no programa Artellando feminismo organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Santiago, contará coa participación da xornalista Cristina Fallarás, o profesor Miguel Lorente e a coordinadora do Observatorio de Igualdad no Ministerio de Cultura, Consuelo Sánchez Naranjo

Na semana do 8-M, o Concello de Santiago, a través da súa Concellería de Igualdade, propón unha nova edición da programación de Artellando feminismo, unha iniciativa de concienciación e transformación social que pretende promover, a través de diversas actividades, a reflexión entre a cidadanía compostelá sobre o papel da muller na esfera pública e a súa contribución ao desenvolvemento social, económico e cultural.

Este 2021, un dos pratos fortes do programa municipal Artellando feminismo será o parladorio ‘Pensar o feminismo’, que terá lugar o xoves 11 de marzo, ás 18.30 horas. Este espazo de encontro e conversa aberta á cidadanía contará coa participación de Consuelo Sánchez Naranjo, coordinadora do Observatorio de la Igualdad de Género no Ministerio de Cultura e Deporte; o profesor Miguel Lorente, asesor do Vicerrectorado de Igualdad, Sostenibilidad e Inclusión na Universidad de Granada; e a escritora e xornalista Cristina Fallarás. A decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Fernández, será a encargada de conducir o parladoiro.

De cara á facilitar o seguemento desta xornada e unha participación activa da cidadanía na mesma, ‘Pensar o feminismo’ poderase seguir en liña, a través de calquera dispositivo móbil, nos seguintes enlaces de YouTube e Facebook. A páxina web oficial da programación, www.artellandofeminismo.gal, pon a disposición do público toda a información das xornadas.

Os indicadores internacionais mostran un panorama de retroceso na conquista dos dereitos das mulleres a nivel global como consecuencia da crise sanitaria e económica derivada da pandemia da covid-19. Neste período de reconstrución social é aínda máis necesario que as mulleres ocupen postos de representación en todos os ámbitos da sociedade política, económica, científica e cultural, porque a súa visión é imprescindible non só para cambiar o paradigma da sociedade, senón tamén para comprometerse coas máis débiles. O suxeito político do feminismo son as mulleres. Aquí e agora cómpre reflexionar, interrogarnos e, en definitiva, pensar o feminismo. Esta é a razón de ser do parladorio que se celebrará o xoves 11 de marzo.

PARLADOIRO ‘PENSAR O FEMINISMO’
Xoves 11 de marzo | 18.30h | En liña a través de https://youtu.be/IJ8adXxVgKA e Facebook.

Presenta: Carmen Fernández, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Ponentes:
- Miguel Lorente. O machismo e a negación da violencia de xénero.
- Cristina Fallarás. Mírame, que che vou molestar.
- Consuelo Sánchez Naranjo. Da necesidade á virtude: o Observatorio de Igualdade de Xénero no ámbito da cultura.

Miguel Lorente
Profesor titular e asesor do Vicerrectorado de Igualdad, Sostenibilidad e Inclusión da Universidad de Granada, institución na que exerce de director del Secretariado de Igualdad y Conciliación entre os anos 2015 e 2019. Lorente é doutor en Medicina e Cirurxía e médico forense. Na súa traxectoria como docente, compaxina as aulas coa investigación da análisis de ADN na medicina legal, a investigación biolóxica da paternidade e maternidade ou mesmo a identificación humana, especialmente no caso de persoas desaparecidas. É asesor en múltiples comisións sobre violencia de xénero de organismos estatais (Congreso de los Diputados, Senado, CGPJ) e internacionais (OMS, Instituto para la Igualdad de Género de la UE-EIGE, ONU Mujeres e OHCHR). Lorente foi delegado do Goberno para la Violencia de Xénero adscrito ao Ministerio de Igualdade entre abril de 2008 e decembro de 2011.

Cristina Fallarás
Escritora e xornalista cunha estensa traxectoria nos medios de comunicación, nos que exerce na actualidade como analista política. Coñecida polo seu activismo a prol da Memoria Histórica e pola súa defensa dos dereitos da muller, Fallarás lanza o 26 de abril de 2018 o cancelo #Cuéntalo, paraugas no que milleiros de mulleres de todo o mundo relatan as agresións sexuais sufridas por elas mesmas ao longo da súa vida. Autora de seis novelas, dous libros de non ficción e un de poesía, nos últimos anos recibe diferentes galardóns polo seu traballo xornalístico. É o caso do Premio Enfoque (2017), Buenas Prácticas de Comunicación no Sexista (2018) ou o Premio de Periodismo Feminista María Luz Morales (2019) polo seu artigo Femenino funeral: recuento de las mujeres asesinadas durante 2017.

Consuelo Sánchez Naranjo
Asesora no Gabinete da Subsecretaría do Ministerio de Cultura e Deporte, ente no que coordina os traballos do Observatorio de Igualdade de Xénero no ámbito da Cultura. A súa experiencia profesional está vinculada á administración pública. Entre os anos 2004 e 2010, Consuelo Sánchez exerce como subsecretaria no Ministerio de Sanidade e no Ministerio de Administracións Públicas, e como directora xeral de Recursos Humanos e Servizos Económico-Presupostarios no Ministerio de Sanidade. É coautora das publicacións El método del caso en la formación de directivos públicos (1998) e La planificación estratégica como método de gestión pública: experiencias en la administración española (2013); e colabora co INAP e outras escolas de Administración Pública como docente.

Compartir: