POLÍTICAS SOCIAIS

Pulo ao Consello municipal de persoas maiores coa aprobación do seu regulamento en Xunta de Goberno local

09/03/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deu conta en rolda de prensa da aprobación na Xunta de Goberno local de onte do regulamento do Consello municipal de persoas maiores de Santiago de Compostela, que regulará o funcionamento interno e a composición desta canle de comunicación entre o colectivo e a administración local para "unha mellor atención das súas inquedanzas".

"Este regulamento reflexa a vontade municipal de materializar o Acordo acadado polo Pleno Municipal en data 24 de Outubro de 2019 e de dotar de autonomía propia ao Consello municipal de persoas maiores co obxectivo fundamental de impulsar iniciativas orientadas de cara a un envellecemento activo co fin de mellorar a vida das persoas maiores", indicou Mila Castro, que reivindicou o papel da administración local: esta "convértese nunha referencia clara para a promoción de actividades, así como para a prestación de cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da cidadanía, na que se inclúen os nosos maiores".

A concelleira lembrou tamén a necesidade e oportunidade da revitalización deste órgano xa que "o número de habitantes de 65 ou máis anos empadroados no municipio de Santiago de Compostela medra cada ano, por iso considérase necesario facer efectivo o dereito de participación das persoas maiores, a través da formulación de propostas, consulta e colaboración coa súa administración local, entendendo necesaria a constitución deste Consello Sectorial de Maiores que faga que todo isto sexa posible".

A iniciativa para a súa constitución partiu, fundamentalmente, da Plataforma de Pensionistas de Compostela aínda que, como indicou en rolda de prensa a técnica de Servizos Sociais responsable da súa elaboración, Chus Taboada, outras entidades e asociacións xa amosaron o seu interese na iniciativa e a súa intención de participar. Todas elas poderán integrarse no momento no que consideren. O borrador de regulamento que rexerá o seu funcionamento tamén contou coa colaboración das entidades, pois puideron participar coas achegas que consideraron no período de exposición ao público. Este traballo de contacto coas entidades que representan as persoas maiores serviu tamén, segundo lembrou a xefa do servizo de Servizos Sociais, para actualizar os datos que constaban no departamento e así "identificar mellor as asociacións que actúan con este colectivo".

Funcións
Tras esta aprobación en Xunta de Goberno, o regulamento orgánico precisará do refrendo do Pleno por maioría absoluta. Segundo indicou a concelleira, debaterase na sesión ordinaria deste mes de marzo.

O texto regulará a composición e funcionamento do Consello, entre outras cuestións, como por exemplo as súas funcións. Entre estas salientan a de promover, colaborar e asesorar na realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago de Compostela, cuxos resultados sirvan de base para calquera proposta de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo entre as persoas maiores e prestar o apoio e a asistencia que lle fose requirida; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior de Santiago de Compostela na sociedade compostelá; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, xa sexan públicas ou privadas, que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Documentos relacionados



Compartir: