IGUALDADE

Preséntase a cuarta edición de "Reencontros nas parroquias", con roteiros, obradoiros de risa e de autocoidados, pezas audiovisuais e un encontro de mulleres no rural

09/03/2021 A concellaría de Políticas de Igualdade pon en marcha o programa "Reecontros nas parroquias", enmarcado na segunda edición de Artellando Feminismo. Contemplan obradoiros de autocoidado, de risa, roteiros, creación de pezas audiovisuais e outros materiais de divulgación das actividades programadas, para rematar cun encontro de mulleres do rural. Todas estas actuacións desenvolveranse entre os meses de marzo e xuño nos centros socioculturais do rural: Lavacolla, Figueiras, Laraño, Marantes, Busto e Aríns.

A cuarta edición de "Reencontros nas parroquias" presentouse hoxe, cun vídeo promocional. Na rolda de prensa estiveron presentes a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón; Cruz Dafonte, responsable do programa; e María Pose, coordinadora dos centros socioculturais do rural. Un dos obxectivos destas actividades é rachar algúns aspectos das opresións de xénero das mulleres que viven no rural, como a ausencia de tempo propio, a asunción dos labores de coidado, sobrecargas de traballo, as violencias... Rosón recordou a mensaxe do vídeo: "quedar na casa non é unha opción, hai que activarse. Temos que activarnos todas".

A concelleira recordou que as actividades desenvolvidas ata agora serviron para reflexionar de forma colectiva sobre estas situacións e para tomar conciencia de que "se trata de realidades que non son parte da orde natural das cousas senón impostas por un sistema socialmente construído que pode e debe ser cambiado". E múdase, continuou, "analizando como os límites sociais restrinxen a nosa capacidade para definir como queremos vivir e para chegar a gozar da vida como desexamos: en liberdade".

A idea que se quere transmitir, sinalou Rosón, "é recuperar a esperanza, o optimismo e as ganas de vivir, polas consecuencias que tivo a pandemia na vida das mulleres do rural que se viron convivindo coa soidade e a falta de redes de apoio".

Con "Reecontros no rural" tamén se pretende analizar as consecuencias da COVID 19 na saúde física e emocional das mulleres do rural; favorecer o crecemento persoal, o benestar e a calidade de vida das participantes; fomentar a participación social das mulleres; impulsar o establecemento de relacións e redes de apoio; fomentar o emponderamento individual e colectivo; e reflexionar sobre as causas da violencia de xénero, así como reforzar a resposta social fronte á mesma.

Outros obxectivos específicos serían promover o autocoidado; fomentar maiores niveis de saúde, benestar, alegría, seguridade e confianza; aumentar a autoestima persoal e grupal; fomentar o coñecemento da contorna; e traballar transversalmente o xénero a través da exercitación da risa. Segundo explicou María Pose, todas as actividades desenvolveranse respectando as medidas de seguridade, en todo momentos os grupos formaranse seguindo as restriccións (catro usuarias e un monitor ou monitora) e priorizaranse os espazos exteriores.

As persoas destinatarias do programa son mulleres de calquera idade que vivan nalgunha das parroquias do concello de Santiago de Compostela. O número de participantes recomendable por cada obradoiro no sobrepasará o número de 15 mulleres.

Programa
A información concreta sobre as distintas actividades irase subindo ás redes sociais dos centros socioculturais e ás webs santiagodecompostela.gal e artellandofeminismo.gal. Unha vez esa información estea dispoñible, as mulleres interesadas poderan inscribirse no correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal; ou no teléfono 646.988.198 en horario de 09:00 h. a 14:00 h.

Cruz Dafonte explicou en que vai consistir o programa, centrado, explicou, no autocoidado a través da creación de redes de apoio e de distintos obradoiros. Contempla:
Tres "Obradoiros de autocoidado. Nivel 1". Cinco sesións en tres centros socioculturais do rural. Están destinados a mulleres de calquera idade que vivan nalgunha das parroquias do concello de Santiago e que non tiveran participado anteriormente

Cinco "Obradoiros de autocoidado. Nivel 2". Tres sesións en cinco centros socioculturais do rural.

Seis "Obradoiros de risa". Tres sesións en seis centros socioculturais do rural. Teñen por obxectivo crear espazos de encontro e diversión nos que descubrir os beneficios da risa na saúde, mellorar e favorecer a comunicación e as relacións persoais reflexionando como inflúe o xénero no desenvolvemento das nosas vidas.

Seis roteiros saudables polas parroquias "para ir activándonose e ir coñecendo a contorna" segundo explicou Dafonte; cos que comezará o programa. A finalidade é crear redes de apoio entre as mulleres participantes, promover hábitos de vida saudable e fomentar o coñecemento da contorna.

Se a situación de pandemia o permite, para pechar o programa vaise organizar un encontro de mulleres do rural co fin de expoñer os traballos realizados durante as sesións dos obradoiros e servir como marco de referencia para compartir experiencias fomentando a creación de redes de apoio entre as mulleres participantes.

Deseño de pezas audiovisuais e outros materiais de divulgación das actividades. Editarase unha peza promocional (spot), que hoxe se presentou, así como cartelería e unha reportaxe audiovisual.

"Reencontros nas parroquias" intégrase no programa Artellando Feminismo, un conxunto de accións encamiñadas a animar a sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes, promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

Compartir: