XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de selado e clausura do vertedoiro de Aríns

08/03/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o "Proxecto de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns", que conta un orzamento total, IVE incluído, de 1.174.591,42 euros, "un investimento grande pero imprescindible", segundo sinalou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; e un prazo de execución previsto de 9 semanas.

O vertedoiro atópase en terreos municipais, no emprazamento da antiga mina de Fornás, da compañía Río Tinto, a uns 100 metros ao sur da aldea do mesmo nome, na parroquia de Aríns. A superficie do vertedoiro, máis áreas anexas é de 2,87 hectáreas. O obxectivo principal do selado é subsanar os riscos e efectos ambientais negativos producidos como consecuencia da antiga actividade.

A mina, explicou Sánchez Bugallo, pechouse "hai anos", e foi adquirida polo concello e utilizada como depósito de inertes, é dicir, material de construción, escombro, etc. En 2011, "foi abandonada, e converteuse nun vertedoiro incontrolado". Incluso, sinala, roubaron a depuradora, que limpaba a auga do vertedoiro antes "de ser devolta" ao río Aríns. "Dez anos despois", vaise procede ao seu selado e clasura, "algo que debía ser acometido moito antes, para evitar a súa dexeneración como vertedoiro incontrolado, aparte dos problemas de contaminación", engadiu o rexedor.

Os criterios de actuación son os seguintes: illamento dos residuos acumulados; creación de capas de selado de maior estabilidade temporal mediante taludes con pendentes adecuadas e bermas intermedias; control de augas superficiais para minimizar escorrentías ou fluxos descontrolados; control de calidade das augas subterráneas para evitar afeccións; facilidade de acceso; recuperación de calidade paisaxística e minimización dos posibles impactos ambientais.

A aprobación dos traballos de selado e clausura está suxeita ás seguintes condicións: deberá achegarse cartografía da obra executada á súa finalización, a partires das bases municipais que deberán solicitarse e coordinarse co dito departamento; e o Concello deberá levar a cabo todos os controis e frecuencias sinalados e os parámetros para analizar os lixiviados e augas superficiais.

O vertedoiro considerarase oficialmente clausurado despois de que a autoridade competente realice unha inspección "in situ" tralo remate das obras, debendo presentar certificado de fin de obra asinado polo técnico competente así como informe final de garantía de control de calidade dos xeosintéticos.

Xestión nova estación de autobuses
Tamén se acordou solicitar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a autorización para para facer o encargo á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago SA (TUSSA) da xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela integrada na estación intermodal, situada na rúa Clara Campoamor, así como das superficies e instalacións comprendidas dentro do recinto. O encargo outorgarase por un prazo 25 anos.

O obxecto do encargo é, en concreto, a xestión do servizo correspondente á estación, a xestión e explotación dos locais e garaxes existentes, a xestión e explotación das zonas comúns; e a xestión publicitaria da estación.

TUSSA realizará, ao seu cargo, a dotación ou renovación do quipamento da estación que sexa necesaria, e, no seu caso, as obras complementarias ou de mellora que sexan precisas, para efectuar as prestacións obxecto do contrato, previa comunicación e autorización por parte do Concello de Santiago quen recabará, á súa vez, autorización do órgano da Xunta de Galicia con competencias en materia de transporte.

Fibra óptica
A Xunta de Goberno Local tamén acordou conceder a Orange España Comunicaciones Fijas, SL; a licenza para realizar o "Plan de despregamento da rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 8"; que conta cun orzamento de execución material de 22.885,81 euros. Esta parte do proxecto contempla o despregue da fibra óptica no seguinte ámbito:

Quinteiro da Rúa de San Pedro, Praza 8 de marzo, Rúa do Medio e Travesía de San Pedro.

Praza de San Pedro.

Ruela das Fontiñas.

Rúa de Aller Ulloa (núm. 1, 3, 5, 7 e 9)

Praza do Matadoiro (Núm. 1, 2 e 3)

Avda. de Raxoi e Pazo de Fonseca

Costa e Campiño de San Francisco.

Rúa de San Francisco.

Travesía das dúas Portas

O alcalde destacou que nesta fase "a fibra óptica xa se estende fóra do perímetro amurallado". O obxectivo, sinalou, é que en primavera estea despregada en toda a cidade histórica, e "que se poidan realizar todos os encganches e conexións demandados polos veciños".

Tamén se aprobaron distintas licenzas de obra, entre elas a da reforma do aparcamento de San Clemente, que conta cun orzamento de execución material de 241.691,21 euros. As actuacións teñen como obxectivo a súa adaptación á normativa de accesibilidade; coa reforma do acceso, vestíbulos e itinerario peonil; coa dotación de ascensor, aseos e prazas adaptadas; a reforma de caixeiros e a instalación de prazas para recarga eléctrica. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado como dotación, no ámbito da UI-7 do PE-1.

Ademais, aprobouse a liquidación remitida pola Sala Retiro, correspondente á poxa pública, levada a cabo entre o 13 e o 20 de novembro de 2020, dos obxectos perdidos depositados no concello enre os anos 1992 e 2010. Os obxectos vendéronse por 8.138,19 euros. Desta cantidade, e de conformidade coas condicións da adxudicación do contrato, a empresa percibira o 10% máis IVE, o que supón 1.120,31 euros. O resto correspóndelle ao Concello de Santiago.

Día Internacional da Muller
Antes de dar conta dos acordos, o alcalde destacou que no Día Internacional da Muller, a Xunta de Goberno celebrouse só con homes, "somos cinco e tivemos o quorum pola mínima e puídose celebrar". Sanchez Bugallo animou a todas as mulleres "a proseguir coa súa loita para conseguir unha plena igualdade". O camiño percorrido, asegurou "é enorme, pero o que queda por percorrer é enorme tamén. Moitas grazas polo labor que estades desenvolvendo", sinalou.

Contaxios covid19
Sobre as cifras de contaxios por covid19 en Santiago, o alcalde explicou que as cifras de onte reflectían unha tendencia positiva, con 76 casos positivos e unha incidencia acumulada a 14 días de 62 casos por cen mil habitantes (hoxe baixou a 70 casos activos). Non obstante, alertou de que agora entramos nun periodo incerto, porque os casos de contaxio que se produciran despois da "apertura" e da suavización das restriccións, "comezarán a aflorar a partir do día de hoxe e ao longo desta semana. Isto vainos marcar se podemos manternos no escenario que estamos, se podemos seguir progresando ou se, polo contrario, a administración competente terá que adoptar medidas máis restrictivas". O alcalde espera que todo vaia ben, "e se poida seguir mantendo" a tendencia de descenso.

Orzamentos
En relación aos orzamentos, o alcalde confirmou que se mantén a Comisión informativa de Facenda para mañá martes, 9 de marzo, e o pleno de aprobación o próximo venres, día 12. Sobre propostas concretas, asegurou que o goberno municipal recibiu unha o venres a última hora do PP e o sábado outra de Compostela Aberta; "ás que lle enviamos a contestación o domingo".

Sánchez Bugallo explicou que non hai previsión de aprazamento, porque unha vez pasen o trámite de aprobación en pleno, haberá un prazo de 15 días para presentar alegacións. Se todo sae segundo o previsto, indicou, "entrarían en vigor o 1 de abril".

Documentos relacionados



Compartir: