ACCIÓN CULTURAL

Unha bufanda vermella para Valle-Inclán

05/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu este venres no paseo dos Leóns da Alameda ao acto de colocación dunha bufanda vermella na escultura de Ramón María del Valle-Inclán, organizado pola Fundación Granell, en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Tamén asistiron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a edila de Medio Ambiente, Mila Castro; o concelleiro de Educación, Rubén Prol; a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; e os concelleiros do PP José Antonio Constenla e de Compostela Aberta Jorge Duarte.

Todos os asistentes leron distintos fragmentos da obra de Valle-Inclán, logo de poñerlle a bufanda á escultura do autor arousán sita na alameda compostelá.

Este acto, que a Fundación Eugenio Granell realiza dende o ano 2007, quere establecer unha conexión coa famosa colocación da bufanda branca na estatua de Valle-Inclán no paseo de Recoletos, en Madrid, o Día do Teatro. Neste caso conmemórase o regreso real e simbólico do escritor a Compostela e a Galicia, a súa terra de orixe.

Compartir: