IGUALDADE

Preséntanse as actividades do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que terán continuidade ao longo do mes co programa Artellando Feminismo

04/03/2021 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe as actividades previstas con motivo do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Comezarán co acto institucional, ás 10:30 h na Praza do Obradoiro, e seguirá ás 12:30 h no Pazo de Raxoi co fallo e entrega dos premios Xohana Torres, para continuar, nos días posteriores, con oito actividades en liña e presenciais que se desenvolverán a través do programa Artellando Feminismo.

Os obxectivos de Artellando Feminismo explicounos a técnica responsable do departamento de Igualdade, Teresa Furelos. Un programa que, recordou, naceu coa finalidade de promover "un modelo de relacións sociais positivo, que impulse a sociedade a unha convivencia baseada no respecto e na igualdade". Con esta campaña, composta por diferentes accións, estase creando un espazo, sinala, no que "diferentes persoas de distintos colectivos con especial preocupación na igualdade entre homes e mulleres", poden compartir, expór, e reflexionar sobre os problemas e consecuencias derivados da desigualdade.

O programa desta campaña de Artellando Feminismo pódese consultar na web artellandofeminismo.gal. Cada unha das actividades previstas conta cun detallado apartado de información e cun formulario de inscrición individual, a excepción das presenciais.

As accións previstas son:

9 de marzo, ás 19:00 h, terá lugar o primeiro dos coloquios, con Marilar Aleixandre e María López, autoras do libro "Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán", recentemente publicado. Nesta conversa en liña tamén participará a escritora e xornalista María Xosé Porteiro.

10 de marzo, ás 18:30, estrea online do sketch teatral "Rosalía, muller de Compostela", a cargo da compañía de teatro Os Quinquilláns.

11 de marzo, ás 18:30 h, conversatorio en liña presentado por Carmen Fernández, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Contará coa participación do Profesor Miguel Lorente, a periodista Cristina Fallarás, e Consuelo Sánchez Naranjo, asesora na Subsecretaría do Ministerio de Cultura e Deporte

12 de marzo, ás 20:00 h, concerto en formato acústico a cargo da artista Xoana, acompañada de 3 músicos no Teatro Principal. As invitacións poderán retirarse no propio Teatro Principal a partir do mércores de 6 da tarde a 9 da noite. Haberá entradas dispoñibles ata completar o aforo.

16 de marzo, ás 19:00 h, coloquio online da psicóloga Claudia Pradas sobre como afectan os roles de xénero á nosa vida diaria.

18 de marzo, ás 19:00 h, faladoiro en liña a cargo de Marisa Vidal Collazo, experta en teoloxía e feminismo, que nesta conversa nos trasladará ao século IV para presentar a Exeria, escritora hispano-romana da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae.

23 de marzo, ás 19:00 h, coloquio en liña da historiadora da arte e divulgadora da perspectiva de xénero, Eugenia Tenenbaum, no cal propón unha revisión feminista da historia da arte.

27 de marzo, ás 19:30 h, proxectarase no autocine de Salgueiriños, o filme María Soliña de Ignacio Vilar.

O programa de Artellando Feminismo completarase con distintos encontros nas parroquias e nos centros socioculturais do rural, que está previsto presentar a semana que vén.

Segundo explicou a concelleira de Políticas Sociais, o día 8 de marzo "non pode pasar inadvertido, sobre todo ante a actual situación de retroceso que se está dando desde que comezou a pandemia. Estamos perdendo os espazos e igualdade conquistados na última década. Non é unha percepción. É unha realidade avalada por datos".

Entre eses datos, Mercedes Rosón citou o "Informe da situación sociolaboral das Mulleres en Galicia", correspondente a 2020. Este informe reflicte que a pandemia expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas. Segundo os datos aportados, o 77% do emprego destruido é feminino, e aumentou a taxa de temporalidade entre as mulleres. Neste documento tamén se pon de manifesto que, aínda que desde 2009 a fenda salarial se reduciu en 2,6 puntos, uns 150 euros; de seguir a este ritmo farían falta 300 anos para acadar a equiparación salarial total entre homes e mulleres. Unha desigualdade salarial, que, engadiu "é común a todos os países". A concelleira citou un artigo publicado no diario El País o pasado 24 de xaneiro, escrito por Miguel Ángel García Vega, que sinala que o mundo sumaría 23 millóns de euros ao seu PIB (Produto Interior Bruto) se se suprimise a desigualdade entre o home e a muller.

Unha desigualdade que, lembrou, vese agravada pola crise. Explicou que "segundo a análise de UXT, en base aos últimos datos de emprego facilitados o pasado dous de marzo polo Ministerio de Traballo, as mulleres representan xa case o 60% do desemprego en Galicia e tamén o 60% dos ERTE. De feito, recordan que no mes de febreiro o paro baixou en Galicia entre os homes, pero subiu entre as mulleres", sinalou.

Mercedes Rosón incidiu en que "este 2021, Nacións Unidas elixiu como lema Mulleres lideresas: por un futuro igualitario no mundo da COVID 19. Con el, preténdense visibilizar os enormes esforzos que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia". "A ese liderado apelamos", engadiu, "tal e como recolle a moción conxunta, aprobada no pasado pleno para seguir traballando e conquistando espazos de igualdade. Sabemos que o camiño é longo e difícil, que as fendas de xénero persisten, que a desigualdade e a violencia de xénero, e en especial a violencia machista que tamén se incrementou durante a pandemia, están presentes en todas as esferas da nosa sociedade".

A igualdade de xénero implica, continuou "igual visibilidade, empoderamento, responsabilidade e participación; no ámbito laboral, na promoción profesional, na asunción de parte do traballo de coidados, na organización familiar, na corresponsabilidade; e no respecto á condición sexual dos diferentes colectivos LGTBI". Por iso, finalizou, "é moi importante, dende as institucións públicas, facer fronte á discriminación e poñer todos os medios necesarios ao alcance para acadar unha igualdade plena. E nese camiño estamos traballando".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: