ALCALDÍA

Visita institucional a ala sur de San Domingos de Bonaval, unha vez rematadas as obras que permitirán ampliar o Museo do Pobo Galego en 1.600 metros cadrados

01/03/2021 A obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para a ampliación do Museo do Pobo Galego, dirixida polo Consorcio de Santiago, remataba despois de algo máis dun ano de intervención. O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; visitaron esta tarde o edificio para coñecer o resultado das obras. No acto estiveron tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e vicepresidente segundo do Consello de Administración do Consorcio de Santiago, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; xunto á xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Ao igual que o resto das obras acometidas polo Consorcio de Santiago, a ampliación do Museo do Pobo Galego recibiu o 50% do seu financiamento público do Estado, o 30% da Xunta de Galicia e o 15% do Concello de Santiago, provindo o 5% restante de recursos propios. A esta intervención destináronse 3.424.252,43 euros. A Oficina Técnica do Consorcio redactou o proxecto, ao tempo que se encargou da dirección das obras, da man dos arquitectos Idoia Camiruaga Osés e Ramón Fernández Hermida. A actuación, que arrancaba a finais de 2019, centrouse na rehabilitación e adaptación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para acoller un novo espazo dedicado a exposicións, oficinas e outros usos; o que supuxo a ampliación do Museo do Pobo Galego cunha superficie útil resultante duns 2.400 m2 -o que significa engadir 1.600 m2 máis do que xa tiña en uso o Museo-. Esta ala pode utilizarse de xeito independente ao resto do Museo, mantendo o seu acceso propio.

A planta baixa desta parte do conxunto vaise destinar a exposicións temporais. A primeira planta terá uso de oficinas, estudos e seminarios. O segundo andar acollerá parte da exposición permanente do Museo e o baixo cuberta seguirá empregándose como almacén de pequenas pezas. O Museo do Pobo Galego relataba a historia de Galicia ata os anos 70 e agora, grazas á ampliación, amosará tamén a Galicia máis contemporánea, ofrecendo así un cadro completo da nosa comunidade.

Nesta actuación seguíronse as directrices do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, desenvolto polo Consorcio de Santiago como promotor, e cuxos autores son os arquitectos Celestino García Braña e Xerardo Estévez Fernández. Entre as obras que se levaron a cabo, destaca a creación dun núcleo de comunicación vertical que vai ser útil tamén para o edificio principal. Este núcleo, que dá acceso a todas as plantas do edificio, está integrado por un ascensor de alta capacidade (13 persoas) que permite mellorar a accesibilidade e por unha escaleira que une todas as plantas. Nesta mesma zona do núcleo de comunicación habilitáronse aseos novos.

Interveuse nas fachadas desta ala sur, que se sanearon e revocaron. Así mesmo, buscábase mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se someteron a unha reestruturación completa. Por outro lado, incorporáronse instalacións de acondicionamento térmico, fontanería e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención antiincendios...; imprescindibles para os novos usos da ala sur. Apostouse pola xeotermia como forma de enerxía sostible, converténdose no primeiro edificio patrimonial da cidade en empregar este tipo de enerxía para o acondicionamento térmico do inmoble. Ademais, previuse a evacuación do gas radón a través dun novidoso sistema de sumidoiros.

Na zona sur do primeiro e segundo andar substituíuse a estrutura do solo. E a obra incluíu a limpeza e restauración da reixa da fachada da anteigrexa de Bonaval.

Antes de intervir neste edificio monumental, construído na década de 1650 e no ámbito da igrexa de San Domingos, declarado Ben de Interese Cultural en 1912, e segundo avanzaba a intervención, realizouse unha lectura de paramentos do mesmo, o que representou "unha oportunidade única para saber como era o inmoble nas súas orixes. Obtivemos información moi valiosa que incorporamos ao conxunto, co fin de que a intervención conservase a traza orixinal do edificio, recuperando o valor patrimonial do inmoble na medida do posible" -explicou a arquitecta Idoia Camiruaga-.

No transcurso das obras quedaron ao descuberto importantes restos como os da capela neogótica do antigo hospicio, de arredor de 1898, unha pía de auga bendita, unha fonte, identificouse un armario de madeira de castiñeiro correspondente tamén ao período de transformación do edificio en hospicio, entre outros achados.

Levouse a cabo un levantamento do edificio con tecnoloxía 3D, de grande utilidade para coñecer mellor como era o edificio orixinal e cal foi a súa historia construtiva. No futuro servirá ademais para poder realizar visitas virtuais polo interior do inmoble para desfrute de estudosos e curiosos.

Nas vindeiras semanas, e na medida en que as restricións sanitarias o permitan, o Consorcio de Santiago realizará visitas guiadas ao edificio para os veciños e colectivos interesados.

Antes de comezar as obras, encargouse un estudo de especies protexidas á ONG SEO-Birdlife. Atopáronse cirrios, pardais, rabirrubios, curuxas, grallas, rulas e dúas especies de quiróptero. Traballouse na obra de xeito que estas especies poidan seguir habitando o edificio sen interferir coas actividades humanas.

Compartir: