XUNTA DE GOBERNO

O alcalde pide prudencia e responsabilidade á cidadanía ante os incumprimentos das medidas anticovid rexistrados esta fin de semana

01/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pediu "prudencia, responsabilidade e sentido común", ante os incumprimentos das medidas anticovid rexistrados durante a fin de semana, que puntualiza, "estou seguro que non corresponden á maioría da poboación". Entre o venres e o luns, a que a policía local tramitou 98 sancións: 13 por festas en pisos, 22 por non respectar o toque de queda, 40 por non utilizar máscara, e 23 a locais por infrinxir as limitacións de aforo.

Uns quebrantamentos da normativa que "sin ser xeralizado ou masivo", ve con motivo de preocupación. O alcalde sinalou que "todos nos sentimos contentos de ver como as rúas de Santiago recuperan unha actividade normal, entre comillas", pero ante os incumprimentos pide á cidadanía que actúe "con prudencia e contención, se non queremos volver pasar polo que xa pasamos este Nadal".

Sánchez Bugallo lembrou os datos de incidencia de contaxios acumulados a 14 días por cen mil habitantes. Son 95 (datos de onte), uns niveis similares aos que se rexistraban, recordou, na véspera da ponte da Constitución. Culifica a evolución do último mes de positiva, "xa que baixamos dos máis de 700 casos de incidencia, a menos de 100", pero, engade, "o que sería terrible é que pasara o que pasou despois da ponte da Constitución, que deu lugar ao peche perimetral de Santiago, o día 15 de decembro". E alerta: "as consecuencias do que estea pasando agora, teremolas na vindeira semana. O que me gustaría e que seguísemos este camiño descendente, ou polo menos de estabilización. Sería terrible que se volvera iniciar unha etapa ascendente. As consecuencias do que pase hoxe, coñecerémolas o día 9".

O alcalde recorda que para Santiago, o levantamento do peche perímetral é necesario "para manter a economía da cidade. E sería imprescindible que o próximo paso fose que o horario de hostalería se coordine co horario comercial. Pero para que isto suceda, estes datos teñen que estabilizarse ou a ser posible mellorar. Se non, o camiño a percorrer será o contrario moi perxudicial para a nosa calidade de vida, e moi perxudicial para a economía" de Compostela, finalizou o rexedor.

Xunta de Goberno Local
Dos acordos de Xunta de Goberno ordinaria, celebrada a primeira hora da mañá, o alcalde destacou a dación de contas conta da resolución da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia, de outorgamento da concesión de dominio público en favor do concello de Santiago, sobre os terreos e instalacións da estación de autobuses de Santiago, integrada na estación intermodal; sitos na rúa Clara Campoamor. Sánchez Bugallo explicou que queda pendente un trámite, "unha vez rematadas as obras da intermodal da pasarela, teremos que facer efectiva a recepción efectiva das dúas instalacións, xa que quedan algunhas actuacións sen completar, como a colocación dos ascensores que dan acceso á estación de tren"

Documentos relacionados



Compartir: