POLÍTICAS SOCIAIS

Xuntanza coa Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Santiago

18/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, reuníronse esta mañá no Pazo de Raxoi cos representantes da Asociación ASPAS para abordar os asuntos que afectan á entidade. Por parte de asociación asistiron á xuntanza a súa presidenta, María Encarnación Montero Luces, e o xerente, Javier García Sánchez.

Os responsables de ASPAS presentarónlle ao alcalde e á concelleira o proxecto de construción e ampliación do Centro de Día e Residencia da Asociación, co que pretenden crear 60 nova prazas de centro de día para persoas con discapacidade intelectual, das cales 20 serían residenciais. Así mesmo, o proxecto busca liberar 30 prazas de centro de día das instalacións actuais para a ampliación do centro ocupacional.

A obra comezou en decembro de 2019 pero, por mor da pandemia, paralizouse entre abril e decembro de 2020. Dende a asociación contan con rematar a primeira fase (a relativa ao centro de día) en 2021 e a segunda (centrada na residencia) en 2022. Neste proxecto, a entidade quere implicar non só ao Concello, senón tamén ás administración provincial e autonómica.

Nesta xuntanza tamén se fixo balance do realizado o ano pasado, no que a asociación se viu obrigada a pechar as súas instalacións durante o confinamento. O Concello colaborou en 2020 coa entidade no programa de respiro e/ou emerxencia familiar cun total de 6.878 euros.

Compartir: