POLÍTICAS SOCIAIS

Reunión con Cáritas Interparroquial

17/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, reuníronse esta mañá con Cáritas Interparroquial para coñecer de primeira man as necesidades e demandas do colectivo.

Na xuntanza, segundo sinalou a concelleira de Políticas Sociais, tratáronse "os diferentes programas que este Concello" mantén coa entidade e "cambiamos impresións sobre o traballo que se fixo durante este ano, que foi moito e moi ben feito". O Concello de Santiago financia o programa de Atención Primaria de Cáritas Inteparroquial, a través do cal esta institución atende a persoas en risco de exclusión social, tratando de dar resposta a calquera demanda social que sexa precisa. O traballo oriéntase dende diferentes eidos: a acollida, usando a técnica da entrevista; a atención, por medio da cal se detectan as necesidades e a orixe do problema; e a resposta, dun xeito integral segundo a demanda.

Todos estes aspectos coordínanse cos servizos sociais comunitarios da Área de Políticas Sociais do Concello para a resolución e resposta inmediata ante solicitudes de axudas de emerxencia xa previamente valoradas polos/as técnicos/as municipais no marco do presente programa de atención primaria.

No encontro tamén se comezaron a abordar as axudas para o seguinte exercicio. A concelleira lembrou a importancia que para o Concello teñen as distintas entidades sociais que operan no ámbito municipal. "É unha satisfacción seguir traballando no marco dos convenios con estas asociacións" e salientou que "sempre terán as portas do Concello abertas".

Compartir: