MOCIDADE

O Centro Xove incorpora novos cursos á actual oferta formativa na que xa hai máis de 100 persoas inscritas

16/02/2021 O Centro Xove da Almáciga acaba de incorporar un novo curso á súa oferta formativa, "Laboratorio de guitarra 2"; e está previsto que nos próximos días se sume outro máis relacionado coas artes escénicas. A programación para este ano contempla 2.064 horas de formación, fronte ás 690 impartidas en 2020; ás 482 de 2019 ou as 496 horas programadas en 2018.

O programa de cursos en liña do Centro Xove presentouse o 26 de xaneiro. Comezou cos cursos, que aínda se están impartindo, de "Laboratorio de guitarra 1" e "Iniciación á técnica vogal". Desde entón xa hai 105 persoas inscritas. En marzo está previsto que se abran outros dous cursos, sobre animación sociocultural e sobre emprendemento e iniciativa profesional. A idea da concellaría de Mocidade, que dirixe Rubén Prol, é chegar ao mes de xullo cunha oferta de oito cursos, sen contar os que van finalizado.

Todos os cursos son gratuítos, duran sobre tres meses ampliables, e están dirixidos á mocidade de ata 30 anos. O número de prazas ofertadas depende do cupo de demanda de asistencia que teña o docente do respectivo curso. Non se establece un límite, pero si que se pecharían as solicitudes en canto o profesor cubra as horas de asistencia contratadas.

Outra característica do programa formativo é a súa accesibilidade, ao emitirse en liña a través da plataforma do Centro Xove (https://www.centroxove.com/), a mesma na que se poden inscribir as persoas interesadas. Toda a xuventude inscrita en algunha das actividades formativas pode solicitar atención personalizada do docente. É dicir, é dixital, pero o equipo está ao outro lado, sustentando un proxecto didáctico solvente e transversal; que permite aprender ao ritmo de cada persoa, dende a casa, en formato de vídeo, con materiais didácticos e coa posibilidade de reunión virtual co profesor.

Ademais, a plataforma é "mobile first", é dicir, pensada para móbiles. O obxectivo é que vaia mellorando e medrando, con opcións de webinars (aulas en directo), streaming, profesores colaboradores (que veñan a ofrecer formacións puntuais), etc.

Rubén Prol destaca a elevada participación, 105 inscritos nun mes, sendo máis do dobre as persoas que solicitaron información sobre as distintas actividades. As características dos cursos, diferentes doutros anos a causa da pandemia, fixo necesario, sinala, adaptar o tipo de formación, a maneira de impartir os contidos e materias á "realidade que nos está tocando vivir". "A gran demanda das dúas primeiras actividades, unido á atención persoal que queremos dar a todas as persoas interesadas, e ao laborioso proceso de gravación dos cursos, fai que vaiamos cun pouco de retraso á hora de subilos á plataforma, circunstancia que xa estamos corrixindo", engade.

O concelleiro recorda que "estamos abertos, como sempre, a todas as propostas formativas, artísticas, de contido social etc., que os propios mozos e mozas, tanto de maneira individual como colectiva nos poidan facer chegar, por iso temos aberta unha canle de comunicación directa, na que cada persoa que queira poida presentaras súas propostas e demandas". Propostas, finaliza, "que teremos en conta para futuras programacións".

Compartir: