ALCALDÍA

O alcalde constata a evolución positiva das cifras de covid no municipio pero salienta que "aínda seguen sendo moi preocupantes"

12/02/2021 Xosé Sánchez Bugallo, no repaso semanal á actualidade municipal, confirmou a "evolución claramente positiva" dos casos de covid na cidade e salientou que esta baixada, ademais, se está producindo desde o luns a un ritmo máis rápido que nos días anteriores.

"É probable que acabemos esta semana no entorno dos 400 casos activos", indicou, aínda que advertiu de que "debemos ser conscientes de que son cifras tremendas" e lembrou que o peche perimetral de Santiago se decretou cando os afectados eran 147. "E aínda estamos no triple", abundou.

Sobre a posible desescalada, Sánchez Bugallo, instou a agardar as indicacións do comité clínico e da Xunta, aínda que non ocultou que "me gustaría que o peche perimetral abarcase unha área máis ampla que o propio concello", en referencia aos municipios que integran a comarca. Agarda o rexedor que, de manterse esta tendencia favorable, se poida ir flexibilizando algunha de medida "aínda que de forma paulatina".

Parque de bombeiros
Preguntado sobre o parque de bombeiros, o alcalde reiterou que hai unha acordo "que non se cambiou" e que o Concello de Santiago segue traballando nese marco co obxectivo de construír a nova instalación no municipio compostelán. Tamén indicou que se está agardando pola resposta do goberno central sobre a posibilidade de calcular a taxa de reposición de efectivos contando as tres administracións implicadas de forma conxunta (Xunta, Deputación e Concello) co que, segundo o rexedor "teriamos máis marxe para a ampliación do persoal".

Compartir: