EIXO ATLÁNTICO

Eixo Atlántico cambia de estratexia para maior unión da Eurorrexión

11/02/2021 O Eixo Atlántico acordou onte, en asemblea cos 39 concellos, deputacións e cámaras municipais que o integran, cambiar de estratexia: logo de 28 anos traballando na cooperación transfronteiriza, evoluciona ao desenvolvemento local conxunto entre
cidades do Norte de Portugal e Galicia, na busca dunha eurorrexión
máis compacta. Na xuntanza participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A asemblea do Eixo Atlántico aprobou onte a creación de 5 comisións
políticas para deseñar a nova fase de desenvolvemento e adaptarse
a unha nova era de postpandemia na terceira área máis poboada da
Península Ibérica e a 10ª de Europa, con 7 millóns de habitantes. As
novas comisións son as seguintes: comisión de rexeneración urbana,
de innovación, sostibilidade, economía e política social.

"É unha nova era para o Eixo Atlántico. Levamos 28 anos de cooperación transfronteiriza e consideramos necesario dar o paso seguinte. Somos un sistema urbano conxunto, con cidades que xa facemos vida en común. Abandonamos a cooperación transfronteiriza
e avanzamos cara o desenvolvemento local conxunto, sen fronteiras",
subliñou o presidente do Eixo Atlántico e presidente da Cámara
Municipal de Braga, Ricardo Río. "Somos un sistema urbano único en
Europa, aínda hoxe, de cidades e vilas de dous países. Traballamos nunha estratexia que busca un desenvolvemento socioeconómico
baseado na innovación, na sostibilidade e na solidariedade social. E
para iso é fundamental tanto a cohesión social como a territorial,
especialmente entre a costa e o interior. Por iso, para nós, as
infraestruturas xogan un papel determinante no ordenamento do
territorio", destacou Lara Méndez, vicepresidenta do Eixo e alcaldesa
de Lugo.

Un Eixo de 39 cidades
O Eixo Atlántico é unha organización integrada por 39 cidades da Rexión Norte de Portugal e Galicia, independente dos seus estados e
autonomía. Naceu en 1992 polo impulso dos entón alcaldes de Porto
e Vigo. En 1995 estaba integrado por 13 concellos galegos e portugueses e dende entón aumentou nun 200% os seus integrantes
para cooperar en proxectos transfronteirizos. O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, considera que o paso dado nesta asemblea
"marca unha nova etapa, a cuarta nos 29 anos de historia do Eixo, é
quizais a máis determinante polas circunstancias actuais e o que van
supoñer no futuro inmediato; unha etapa na que aspiramos acadar en
dez anos a renda media da UE".

O Eixo aprobou onte un presuposto de funcionamento para o 2021 de
4 millóns de euros, nun 84% adicados a programas de desenvolvemento conxunto.

Compartir: