MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Os Bombeiros de Santiago realizaron o ano pasado máis de 1850 intervencións

11/02/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e o xefe do Servizo de Extención de Incendios e Salvamento de Santiago de Compostela, Manuel Sanmartín, deron conta en rolda de prensa da memoria de actividades do corpo durante o pasado ano 2020.

Un ano "difícil", salientou o concelleiro, que agradeceu o labor e a profesionalidade coa que se desempeñou todo o corpo ao longo do ano, pero especialmente durante o máis duro da pandemia. "Non só realizaron traballos de prevención e auxilio, como as desinfenccións dos lugares de acumulación de persoas - hospitais, supermecados, farmaciais, a praza de abastos, etc – ou o rescate de persoas maiores que sufriron caídas nas súas vivendas e non eran quen de levantarse, senón que tamén contribuíron a levantar o ánimo coas actuacións musicais que levaron a cabo polos barrios da cidade".

Precisamente, como sinalou Manuel Sanmartín, o rescate a persoas que se atopaban soas nas súas vivendas ou con alguén que non as podía asistir pasou a ser unha das intervencións máis relevantes durante o ano pasado. En total foron 71 intervencións das 103 realizadas (as restantes refírense a rescates en ascensores, de animais e de obxectos). Inclúense tamén neste apartado as actuacións relativas a persoas falecidas, que pasaron de 2 en 2019 a 12 en 2020.

Como consecuencia da covid tamén desapareceron as actividades divulgativas e as visitas dos colexios e reducíronse o número de accidentes e as limpezas de calzada en relación con anos anteriores. Pola contra, xurdiu un importante número de intervencións relacionadas coa pandemia. Ademais dos casos de rescate mencionados, os bombeiros realizaron, desde marzo, 12 aperturas de portas por mor de falta de resposta dos moradores (en 9 dos casos por falecemento, o que obrigou a actuar segundo a normativa sanitaria e os procedementos internos establecidos por posible covid) e 701 intervencións de inspección e prevención. Dentro destas encádránse as hixienizacións periódicas das dependencias e vehículos da Policía Local, nas principais vías da cidade, nos polígonos industriais do Tambre, Sionlla, e Costa Vella, no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, no Multiusos Fontes do Sar e no ensanche, no acceso á cidade do Camiño Francés durante o verán, nos accesos e beirarrúas dos hospitais e centros de saúde, dos principais supermercados, Praza de Abastos, farmacias, etc. En total, empregáronse máis de 1.150 litros de distintos produtos, disoltos en máis de 140.000 litros de auga.

1852 intervencións en total
Aínda que as incidencias relacionadas coa covid foron as principais durante boa parte do ano, o corpo seguiu prestando os seus servizos habituais: atenderon 132 incendios e 26 accidentes de tráfico; realizaron 115 limpezas de calzada, 96 intervencións con árbores; 82 saneamentos de edificios, instalacións e outros; participaron en 67 servizos relativos a inundacións, achiques e asolagamentos; ou retiraron 464 enxames, entre outras actuacións. En total, 1852 intervencións ao longo de 2020, que fan unha media de 5 por día. A xornada na que máis se realizaron: unha de temporal con 59 saídas en 24 horas.

Segundo indicou o xefe de Bombeiros, "os incendios seguen a ser unha parte fundamental do noso traballo e polo que somo máis recoñecidos". Das 132 intervencións neste campo, o 18% foi por lumes en contedores, o 23,50% en vehículos e o 29,50% en vivendas. Chama a atención, sinalou, "o elevado número de intervencións que temos por despistes durante a preparación da comida. Este ano chegaron a ser 19". Pola contra, baixaron as actuacións relativas a enxames de velutina, tralo convenio asinado entre a Fegamp e Seaga polo cal os bombeiros interveñen só naqueles casos que o 112 considera urxentes.

O Servizo
En 2019 o SEIS (Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago) contaba cun total de 38 efectivos, que pasaron a 44 en 2020 e que chegará a 53 trala incorporación prevista de 9 bombeiros conductores, aos que se suman un auxiliar e o xefe, facendo un total de 55 efectivos. Tamén está prevista a cobertura por promoción interna de dúas prazas de sarxento, tralas tres cubertas en febreiro de 2020.

En canto ao material, durante o pasado ano substituíronse os 2 vehículos lixeiros; incorporouse unha lavadora con barreira sanitaria á lavandaría; reformáronse 3 vehículos do servizo, -incorporando iluminación, rotulación, carros no teito, arquillas, estantes, armarios, arrinques rápidos...; solucionáronse os problemas de entrada de auga nas instalacións; separáronse os vestiarios de limpo e sucio; reformouse a iluminación do parque e o hangar; adquiriuse un dosificador automático de espuma; e renováronse 5 Equipos de Respiración Autónoma. Tamén se habilitou unha zona para as visitas escolares cunha réplica dun vehículo de bombeiros, material para amosarlles aos rapaces, traxes e cascos infantís. A este respecto, o concelleiro anunciou que, unha vez que a estación de autobeses deixe o seu emprazamento actual, a cidadanía poderá visitar os vehículos históricos do parque.

Apuntou tamén o concelleiro, a preguntas dos xornalistas, que o Concello de Santiago aposta pola construción na cidade do edificio para albergar o parque comarcal de Bombeiros.

Documentos relacionados



Compartir: