ACCIÓN CULTURAL

O Grupo de Cidades Patrimonio aposta pola cultura segura en contornas patrimoniais con eventos como A Noite do Patrimonio ou o VIII Ciclo de Concertos de Música de Cámara

10/02/2021 Así se acordou na Comisión de Educación, Cultura e Deporte na que participou a concelleira de Acción Cultura, Mercedes Rosón.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebrou hoxe a súa primeira Comisión de Educación, Cultura e Deporte, presidida polo alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, quen destacou que "o ano pasado xa demostramos que este Grupo é o abanderado da cultura segura e en 2021 imos continuar coa organización de grandes eventos, como A Noite do Patrimonio ou a continuidade do Ciclo de Música de Cámara, que este ano vai alcanzar a súa oitava edición ofrecendo concertos gratuítos de gran nivel en espazos patrimoniais". O presidente avanzou que "este ano queremos dar un paso máis e hoxe presentei a proposta de crear unha plataforma nacional de artes escénicas e artísticas nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade que complemente a oferta do festival Escena Patrimonio".

Luís Yeray Gutiérrez anunciou que "A Noite do Patrimonio celebrará a súa terceira edición de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade no mes de setembro, cunha programación que aumentará a calidade en espazos monumentais e que tamén vai afondar nas raíces, a tradición e a cultura das nosas cidades. Ademais, esta edición vai contar con grandes figuras da danza no Festival Escena Patrimonio e vai reforzar a súa proxección internacional da man da Unesco, que xa se iniciou o pasado ano. Este ano contaremos con novos partners internacionais".

Os concelleiros de Cultura e técnicos das 15 cidades xa recibiron hoxe os primeiros avances da programación, nunha reunión telemática na que participou o director do festival Escena Patrimonio, Lorenzo Papagallo. Luís Yeray Gutiérrez subliñou que "a aposta pola cultura segura debe seguir sendo un dos distintivos do Grupo de Cidades Patrimonio. Temos unha inmensa riqueza cultural que se manifesta de maneira particular en cada unha das 15 cidades e de maneira xeral no programa de accións conxunto que hoxe abordamos na Comisión, tanto na programación dunha nova edición da Noite do Patrimonio, como o Ciclo de Música de Cámara ou o impulso dunha Plataforma Nacional para a Danza nas Cidades Patrimonio".

A Comisión aprobou celebrar o VIII Ciclo de Música de Cámara no outono, concretamente entre os meses de outubro e decembro, en colaboración coa Escola de Música Raíña Sofía. Na reunión tamén interveu o director da Escola, Juan Mendoza, quen sinalou que este Ciclo quedará enmarcado nas celebracións do 30 aniversario da Escola.

Entre os grandes retos desta Comisión tamén figura a organización do Foro Cidades Patrimonio Mundial, Cidades de Cultura Segura que se celebrará no primeiro semestre deste ano en Alcalá de Henares. Segundo lembrou Luís Yeray Gutiérrez, "centrarase en debater e analizar a organización de eventos culturais de primeira orde (artes escénicas, literatura, artes plásticas) e a nova realidade post Covid. Neste Foro analizaranse boas prácticas, desenvolvemento de protocolos de novos formatos post-Covid19 con presenza de xestores culturais de prestixio, tanto nacionais como internacionais, e de representantes do Ministerio de Cultura e Deporte. Este Foro organizarase no primeiro semestre de 2021, cando as medidas de seguridade o aconsellen, en Alcalá de Henares".

Outro dos grandes proxectos para este ano é a nova edición do programa Aula Patrimonio, que recibiu un novo impulso en 2020 ao incorporar novidades para aumentar a participación das escolas e fomentar os proxectos con formato dixital, que deben presentarse antes do 31 de marzo de 2021. O presidente lembrou que a Comisión de Educación, Cultura e Deporte do Grupo seleccionará de entre os gañadores locais das 15 cidades a un único gañador absoluto nacional. O fallo farase público antes do 23 de abril de 2021.

Luís Yeray Gutiérrez, coa unanimidade dos concelleiros e técnicos das 15 cidades, lamentou a cancelación do Circuíto de Carreiras nas Cidades Patrimonio da Humanidade en 2021 debido á pandemia. Na reunión participou o organizador do Circuíto, Daniel Gutiérrez, quen explicou a imposibilidade de organizar as probas nas actuais circunstancias provocadas polo COVID-19. Luís Yeray Gutiérrez concluíu que "cancelamos por responsabilidade e seguridade, pero empezamos a traballar de cara a 2022, para que este importante Circuíto de Carreiras populares se celebre con todas as garantías e un éxito aínda maior de participación nas 15 cidades".

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: