ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reunirase co colectivo emigrante de Bos Aires e Montevideo

14/03/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, emprende o xoves 15, unha visita institucional de oito días a Arxentina e Uruguai, durante a cal manterá xuntanzas coa colectividade de emigrantes composteláns. Ademais, asistirá ao I Congreso Técnico Empresarial de Montevideo, que versará sobre o futuro dos emprendedores galegos no exterior.

Na primeira etapa da viaxe, o alcalde compostelán, acompañado da concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, desprazarase a Bos Aires, onde manterá unha reunión co delegado de Traballo de España, Rafael Herrera, e cos dirixentes do Centro Galego da capital bonaerense

Ademais, visitará diversas asociacións e sociedades de galegos emigrantes, e manterá un encontro na Casa de Vedra cunha ampla representación dos máis de 2.000 veciños de Santiago que viven na cidade.

Despois, o alcalde desprazarase á cidade de Mar del Plata, onde será recibido polo seu intendente (alcalde) e o Consello da Gobernación (corporación). Tamén visitará Avellaneda, onde será nomeado visitante ilustre tras unha xuntanza cos veciños no Centro de Xubilados e Pensionistas Galegos. A axenda prevé tamén un encontro alcalde da cidade de Vicente López, onde tamén será declarado visitante ilustre.

Sánchez Bugallo aproveitará a súa visita á capital uruguaia para asistir ao I Congreso Técnico Empresarial de Montevideo, que tratará o futuro dos emprendedores galegos no exterior. Nel intervirán, entre outros, os Conselleiros de Traballo e de Economía da Xunta de Galicia, Ricardo Varela, e José Ramón Fernández, respectivamente, e o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez.

En Montevideo está previsto que o alcalde asista ás recepcións do intendente da cidade, Ricardo Erlich; do reitor da Universidade da República; do Canciller da República, Reinaldo Gargallo, e do embaixador de España en Montevideo, Fernando Valderrama, para rematar cunha visita ao Fogar Español e cun encontro coa Federación de Asociacións Galegas.

O alcalde non marchará de Montevideo sen manter un encontro cos santiagueses residentes nesta cidade e coa directiva do Centro Galego, onde actuarán Susana Seivane e outros grupos galegos. Tamén visitará o Patronato Galego da Cultura.

Compartir: