COMERCIO

O alcalde reúnese coas asociacións de comerciantes para a posta en marcha do terceiro plan de axudas

09/02/2021 Xosé Sánchez Bugallo reuniuse esta mañá coas asociación de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, e Ourives de Compostela, co obxectivo de poñer en marcha o terceiro plan de reactivación económica para os sectores que máis de cerca están padecendo as consecuencias das medidas restritivas ditadas para frear a pandemia.

"Estas reunións inscríbense no marco das xuntanzas que veñen sendo habituais co sector, especialmente durante esta crise", recalcou Sánchez Bugallo, que resumiu os puntos tratados na xuntanza: "fixemos valoración dos programas de axudas convocados en abril e decembro do ano pasado e tamén do programa bono de aparcamento". Así mesmo, comezouse a preparar a convocatoria de axudas que se sacará "previsiblemente na segunda quincena de marzo". Para este terceiro plan de reactivación económica, o Concello prevé destinar 900.000 euros ao comercio, 400.000 para axudas ao investimento e 500.000 euros para o gasto corrente. Non obstante, "o sector transmitiunos que prefire que se aposte polo gasto corrente", así que "imos ver se é posible incrementar" esas axudas directas "traspasando do destinado ao investimento ou doutros capítulos", indicou o alcalde.

A esta cantidade habería que sumar tamén os 300.000 euros previstos para bonos de incentivación do consumo, compartidos co sector da Hostalería, así como o apoio aos bonos de aparcamento. Sánchez Bugallo informou aos comerciantes de que este último programa está consignado no borrador de orzamentos para 2021 con 38.000 euros para Comercio Punto Compostela e 31.000 euros tanto para Compostela Monumental como para Santiago Centro.

O alcalde anunciou unha nova xuntanza para antes de que remate o mes co obxectivo de concretar as bases desta nova convocatoria.

Compartir: