MEDIO RURAL

Comeza a primeira fase das obras de rexeneración e reforzo do pavimento da calzada da Rúa Santa Teresa de Jornet

08/02/2021 Hoxe, 8 de febreiro, comezou a execución da primeira fase das obras de "Rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa Santa Teresa de Jornet", na parroquia de Bando, promovidas pola Concellería de Medio Rural. As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve o departamento que dirixe José Manuel Pichel, en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Os principais obxectivos destas actuacións son a rexeneración integral do pavimento da calzada que mellorará o tránsito do elevado número de vehículos que utilizan o viario (residentes, familiares, actividades industriais, etc.); e a creación dunha senda peonil segura e accesible para o uso da veciñanza e dos usuarios da Residencia San Marcos da terceira idade das Hermanitas da Caridade. Posteriormente, nunha segunda fase, continuarase ata as instalacións da Asociación de Padres de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS).

A actuación ten un orzamento de adxudicación de 174.982 euros, e un prazo de execución de catro meses. Na actualidade, a concellaría de Medio Rural xa ten encargada a redacción da segunda fase do proxecto.

Compartir: