ALCALDÍA

O alcalde destaca a tendencia descendente dos contaxios e espera que se siga mantendo "este deslizamento á baixa"

08/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local, que o número de casos activos por COVID en Compostela é, a día de hoxe, de 531 "o mellor dato desde o pasado 18 de xaneiro". Onte eran 601. A incidencia acumulada a 14 días é de 519 casos. Con estes datos, continúa, non cabe esperar unha caída brusca, pero si cabe esperar "que se siga mantendo este deslizamento á baixa".

O rexedor destacou que, "en calqueira caso é moi relevante que a tendencia sexa positiva", xa que iso indica que "os sacrificios enormes que está a asumir a sociedade, son útiles", aínda que "non podemos esperar cambios drásticos nos próximos días". Sánchez Bugallo engade que "probablemente terá que seguir a política restrictiva", e o levantamento desas restriccións "probablemente non será de golpe. Será de xeito escalonado e paso a paso".

Sánchez Bugallo insistiu en que "seguindo a dinámica actual, é dificil que se baixe do umbral de 250 casos antes do 18 de febreiro, cifra que considera preciso acadar para que se modifiquen as actuais restriccións.

Sobre o cribado de Amio, valorou os datos de participación, dun 66,4% o sábado, e dun 67% o domingo. "A min sígueme sorprendendo que de 12.000 persoas citadas, haxa 4.000 que non asistan". Para o rexedor "é unha cifra excesiva e inxustificada". Por iso, engade, "cómpre facer un chamamento e seguir insistindo na responsabilidade de colaborar e saber en que situación está cada un".

En relación aos resultados, de catro positivos, considéraa "unha cifra que chama a atención", xa que "é unha proporción máis baixa co promedio que temos na cidade".

Estación de autobuses
O alcalde lembrou que o venres, 12 de febreiro, celebrarase o pleno para a "adquisición das accións de UNINOVA" e para o convenio de xestión da estación de autobuses. Sánchez Bugallo adiantou que o obxectivo é "facernos cargo desa xestión ao longo do mes marzo".

Despois da aprobación en pleno, procederase "con carácter inmediato" á sinatura do convenio coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e a continuación, "na Xunta de Goberno", continuou, "acordaremos unha encomenda de xestión a sociedade municipal TUSSA". O rexedor compostelá espera ter completado o proceso "neste mes de febreiro". "Calculamos", continúa, "que as obras finalicen a finais de febreiro ou principios de marzo, e a nosa conta é que o concello se faga cargo da instalación a principios de abril.

Compartir: