PRESIDENCA E RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Santiago será escenario dun ambicioso proxecto de mobilidade aérea de vehículos

06/02/2021 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte, reuniuse cunha representación do ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) para comezar coa coordinación do proxecto AMU-LED, no que colabora o concello de Santiago de Compostela. AMU-LED é un proxecto H2020 da Comisión Europea, que ten como principal obxectivo demostrar a integración segura de distintos tipos de operacións con drons no ceo das nosas cidades e contribuír con iso ao desenvolvemento regulatorio e normativo.

Trátase dunha iniciativa ambiciosa, cunha duración de dous anos, que ten previsto realizar, no outono de 2022, unha das maiores demostracións de servizos de mobilidade con vehículos aéreos en contorna urbana. Santiago de Compostela é un dos escenarios escollidos para esa demostración, xunto a Cranfield no Reino Unido, e Amsterdam e Róterdan en Países Baixos; convertendo á cidade nunha referencia no ámbito da mobilidade aérea.

Sindo Guinarte destacou que este proxecto está perfectamente aliñado coas políticas de innovación que está a levar a cabo o concello de Santiago de Compostela, con programas como SMARTiAGO, ou o polo biotecnolóxico. O concelleiro amosou o seu desexo de que AMU-LED sexa outro elemento máis "para definir a Compostela do futuro que queremos".

ITG
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é unha das entidades que participa neste proxecto. É a encargada de deseñar, liderar e coordinar as demostracións con tráfico real previstas en Santiago de Compostela en setembro de 2022. Nestas realizarase a proba dun servizo de taxi aéreo non tripulado nunha contorna urbana. Ademais, faranse outras demostracións relacionadas coa mobilidade aérea en contornas urbanas en diversos sectores como loxística, emerxencias e voos tripulados e non tripulados.

En total o AMU-LED involucra a 17 entidades distintas de Europa e Estados Unidos. Coordinado por Everis, o consorcio está composto por un grupo de axentes moi destacado dentro do sector: Airbus, AirHub, Altitude Angel, ANRA Technologies, Boeing Research & Technology-Europe, FADA-CATEC, Cranfield University, EHang, ENAIRE, Gemeente Amsterdam, INECO, ITG, Jeppesen, NLR, Space53 e Tecnalia.

Mediante probas reais e simulacións, o proxecto explorará e demostrará os beneficios do desconxestionamento das estradas grazas á mobilidade aérea, así como as melloras no transporte de persoas e bens, a redución e flexibilidade dos tempos de traxecto e a diminución da polución e accidentes de tráfico.

Grazas aos datos obtidos das diferentes probas, AMU-LED poderá proporcionar información moi valiosa a autoridades reguladoras como EASA (Axencia Europea de Seguridade Aérea), co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e establecemento de leis e regulacións no ámbito da mobilidade aérea urbana.

A presenza nas nosas cidades de aerotaxis, drons de repartición de mercadoría ou sistemas non tripulados para emerxencias está cada vez máis preto de ser unha realidade. Neste sentido, a mobilidade aérea urbana (UAM, polas súas siglas en inglés) axudaranos a crear cidades máis sustentables e intelixentes.

Compartir: