OMIC

Compostela únese á celebración do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias

14/03/2007 O xoves 15 de marzo celébrase o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias, motivo polo cal a Concellaría de Sanidade e Consumo, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) vén celebrando unha serie de charlas-coloquio para informar á cidadanía sobre aspectos de interese os consumidores e usuarios.

Este ano 2007 cúmprense 24 dende a promulgación en España da Lei Xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, na que, entre outros aspectos, se regula as asociacións coa finalidade de defender os intereses de consumidores e usuarios incluíndo a información e a educación para o consumo.

A OMIC é un servizo municipal de atención directa e gratuíta a través do que a cidadanía pode solicitar información sobre os problemas que poden afectarlles no exercicio do uso ou do consumo. Está destinado a axudar aos consumidores e usuarios a defender os seus dereitos mediante información previa, asesoramento e recepción das reclamacións en temas de consumo.

Cifras do 2006

Ao longo do 2006, a OMIC atendeu un total de 1.627 consultas, fronte ás 1.570 do ano anterior. Cabe destacar, entre os ámbitos onde se producen máis atencións, o sector da telefonía, cun total de 201 consultas, e o do aluguer de vivenda, con 114.

Ao longo do 2006, a Oficina rexistrou un total de 300 reclamacións, cifra case igual á do anterior ano, onde as reclamacións foran 302. Tamén é salientable o feito de que o sector da telefonía foi o que rexistrou case a metade do total, en concreto, 124.

A arbitraxe de consumo é unha alternativa extraxudicial de resolución de conflitos, un sistema rápido e gratuíto, ao que se someten voluntariamente consumidores e empresarios. O colexio arbitral, con representantes do empresariado, das asociacións de consumidores e da administración, dicta a resolución que é vinculante. En Santiago hai 500 empresas adheridas ao sistema arbitral de consumo, dun total en Galicia de 7.200. Do total de reclamacións no ano pasado, resolvéronse mediante esta fórmula do arbitraxe 163.

En canto as denuncias, no 2006 a OMIC rexistrou dúas, ambas no sector da hostalería. Por último, sinalar que nos dous primeiros meses do 2007 os consumidores presentaron un total de 318 consultas e 78 reclamacións das que, polo momento, unha xa está resolta a través da fórmula do arbitraxe.

Compartir: