ALCALDÍA

O alcalde será o representante da FEGAMP no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia

06/02/2021 A Federación Galega de Municipios e Provincias vén de designar o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como o seu representante no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia. Así llo comunicou por carta o secretario xeral da entidade, Eduardo Ramonde Rodríguez.

O rexedor agradeceu a designación neste comité, que conta coa seguinte composición:

a) Un representante do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que exerce a Presidencia.
b) Dous representantes da Comunidade Autónoma.
c) Tres representantes de Aena Aeropuertos SA.
d) Tres representantes das corporacións locais, designadas a proposta da asociación de municipios e provincias de ámbito autonómico.
e) Un representante do Consello de Cámaras da Comunidade Autónoma.
f) Un representante das organizacións económicas e sociais representativas na Comunidade Autónoma, designado por esta.

En canto ás súas funcións, o Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, polo que se crean, establece un amplo abanico competencial:

a) Velar pola adecuada calidade dos servizos aeroportuarios e a actividade dos aeroportos, propondo aquelas actuacións que se consideren necesarias para impulsar o desenvolvemento da actividade aeroportuaria.

b) Colaborar con Aena Aeropuertos, S.A., e, no seu caso, as administracións públicas competentes, na definición da estratexia a desenvolver con relación aos aeroportos da respectiva comunidade ou Cidade autónoma, en particular, no ámbito comercial, tomando en consideración o seu contexto territorial e competitivo.

c) Coñecer das propostas de «Aena Aeropuertos, S.A.», en materia de servidumes aeronáuticas e acústicas.

d) Colaborar con «Aena Aeroportos, S.A.» en materia de definición das liñas estratéxicas dos aeroportos, en particular informando os Plans Directores dos respectivos aeroportos, antes de ser sometidos á súa aprobación polo Ministerio.

e) Coñecer do procedemento de consultas desenvolvido por «Aena Aeropuertos, S.A.» en materia de tarifas aeroportuarias.

f) Canalizar as actuacións relacionadas coa promoción do transporte aéreo, no ámbito das súas competencias.

g) Promover as accións que sexan necesarias para o fortalecemento da conectividad aérea mediante o establecemento e promoción de novas rutas aéreas, internacionais e nacionais.

h) Solicitar os datos e información sobre calquera aspecto da xestión aeroportuaria que sexa necesario en orde a poder cumprimentar as demais funcións que se lles atribúen neste apartado.

i) Desenvolver cantas funcións se consideren convenientes para incrementar o transporte de pasaxeiros e a carga aérea, así como calquera outras que lle atribúan as disposicións adoptadas en materia de aeroportos de interese xeral.

Recentemente, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, tamén foi designado, neste caso pola FEMP, a Federación Española de Municipios e Provincias, como representante no Foro Local para a Axenda Urbana Española.

Compartir: