TURISMO

Varias cidades españolas, entre elas Santiago de Compostela, impulsan unha asociación para a cocreación de contidos turísticos culturais

04/02/2021 Os concelleiros de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e de Turismo, Sindo Guinarte, participaron, vía telemática, no primeiro encontro para constituír o Consello Español de Contidos Turísticos, e elaborar un plan estable de coprodución de contidos de interese turístico liderado dende as cidades do grupo impulsor da iniciativa. Estas cidades son, xunto a Santiago de Compostela, Barcelona, Palma de Mallorca, San Sebastián, Bilbao, Málaga e Valencia.

Barcelona encabezou a primeira reunión para impulsar ese Consello Español de Contidos Turísticos, unha asociación de municipios de toda España para a cocreación de contidos culturais turísticos. Este primeiro encontro serviu para pór as bases desta asociación para crear un plan estable por parte das principais cidades do estado que comparten interese por construír os seus contidos turísticos vinculados á creación cultural e ás industrias creativas. Trátase dunha iniciativa que se propón á Secretaría de Estado de Turismo, coa finalidade tamén de crear novos atractivos que favorezan a mobilidade turística, tanto da propia cidadanía española como dos turistas internacionais.

Neste primeiro encontro, os oito municipios acordaron traballar conxuntamente para ampliar e diversificar as expectativas de calidade turística, facilitar espazos de coñecemento e interacción entre a cidadanía española, reequilibrar dinámicas de turismo urbano e turismo vacacional, rexenerar a capacidade de coproducir e circular contidos de todo tipo, especialmente culturais, e ampliar as posibilidades de cooperación entre territorios para unha mellor xestión dos programas de promoción internacional.

Compartir: