CULTURA

O Teatro Principal proxecta o documental "A derradeira lección do mestre"

14/03/2007 Continuando cos actos da recuperación da memoria histórica, a Concellaría de Cultura proxectará xoves 15 no Teatro Principal, ás 20:00 horas e con entrada de balde, o documental "A derradeira lección do mestre", en colaboración coa CiG-Ensino e coa Agrupación Cultural O Galo. No acto de presentación participarán o concelleiro de Cultura en Compostela, Néstor Rego, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o responsable desta peza documental, Xoán Carlos Garrido.

Nos seus 50 minutos, o filme amosa a represión exercida dende o ano 1936 en Galicia contra o corpo do Maxisterio, ata 1979, ano do expediente aberto a ensinantes represaliados por dar as clases en galego. A escola era un dos medios de transmisión do novo modelo de sociedade e dos ideais galeguistas. Conscientes da súa importancia, a persecución que se exerceu contra o mundo do ensino foi unha das máis brutais que existiu nunha época en que os postos de traballo pasaron a ser considerados "botín de guerra".

Na Estrada coincidiu o 18 de xullo coa presenza como xuíz de instrución do Partido Xudicial da Estrada dunha figura intelectual de grande relevancia que estaba integrado no florecente desenvolvemento cultural desta comarca, ligado aos centros de ensino e aos seus mestres. Fermín Bouza Brey tiña a obriga xurídica de perseguir calquera delito do que tivese coñecemento. Como intelectual comprometido tiña a obriga política de intervir a prol da causa que profesaba. Como veciño que gardaba grande amizade coas vítimas, tiña a necesidade moral de facer todo o que estivera na súa man para salvar aos que puidera, e para iso tiña que xogar dentro das regras do novo réxime e buscar apoios para estar en posición de actuar, e tecendo unha complexa estratexia que o levaría a ser acusado nalgún momento por todos os bandos de deslealdade.

Pola contra, os mestres, os seus amigos, tiñan un marxe de manobra moito menor, estaban baixo sospeita pola súa profesión, e cada un, dende a súa situación persoal e o seu compromiso político, respondeu como mellor considerou diante do desafío á súa dignidade e ás súas conviccións. Os mestres tiñan unha obriga por enriba de calquera outra, que os limitaba para adaptarse ao novo contexto. Tiñan o deber de dar exemplo e de que legar ao futuro un modelo de conduta, unha esperanza no xénero humano. O documental ten localizacións en A Estrada, Vigo, Vilagarcía, Cerdedo e Pontevedra.

Compartir: