CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais organiza distintas actividades en liña para celebrar o Entroido 2021 desde a casa

03/02/2021 A Concellaría de Centros Socioculturais programou distintas actividades en liña para celebrar o carnaval dun xeito seguro e respectando as normas anticovid. Toda a familia poderá desfrutar, ata o 17 de febreiro, do "Entroido na casa", cun concurso de disfraces, unha comparsa virtual, e con xogos e espectáculos a través das redes sociais.

Todas estas actividades subiránse ao Facebook SantiagoSocioCultural, así como aos distintos facebooks dos centros socioculturais; ao twitter @CSocioCulturais; e á conta de youtube. De xeito paralelo, os CSC continúan desenvolvendo actividades e compartiranse contidos nas redes. Así as aulas de xogo e as de informática seguirán coas súas programacións en liña; entre as que destaca a realización de obradoiros de máscaras de disfraces coas que poder participar no concurso de disfraces e na comparsa virtual.

Concurso de disfraces na rede
Ata o 16 de febreiro está aberto o prazo de inscrición no concurso "Disfraces na rede". A temática do disfrace será libre. Establécense dúas categorías: mellor disfrace familiar e mellor disfrace infantil.

As persoas participantes deberán cubrir a ficha de inscrición e autorización (que achegamos ao final desta noticia) e enviala, xunto coas súas fotos disfrazados, aos diferentes correos dos centros socioculturais (que se atopan na ficha de inscrición na información xeral da actividade).

As imaxes recibidas etiquetaranse na páxina de Facebook da rede de Centros Socioculturais cos cancelos #Entroidonacasa ou #NoEntroidoPretodeTI. Elixirase como mellor disfrace o da fotografía que leve máis "me gusta" ou "me encanta". A data límite para votar é o 17 de febreiro.

Comparsa virtual
O vindeiro martes, 16 de febreiro, os CSC sairán virtualmente ás rúas para correr o "Entroido nas Redes". Este ano o disfrace escollido é o de "bandidos" e o lema "Asalto ao 2021".

Para a elaboración do disfrace realizaranse uns titoriais con pautas para facelo dende casa. Os elementos comúns poderanse completar, a maiores, con outros detalles individuais.

As persoas interesadas en participar deberán enviar a foto ou vídeo co disfrace de "bandido", xunto á a inscrición e a autorización (que se pode descargar ao final desta noticia) aos diferentes correos dos centros socioculturais. O prazo para apuntarse xa está aberto, e remata o 10 de febreiro.

Con todas as fotos e gravacións recibidas montarase un vídeo, simulando a participación na tradicional comparsa de entroido, que se subirá no Facebook e no Youtube da rede de Centros Socioculturais o martes de entroido.

O Meco (na casa) manda
As ordes do Meco, no entroido, son sagradas. Para non perder a tradición, cada día haberá unha orde distinta. Unha diversión engadida a este carnaval atípico, na que tanto a cativada, como as persoas maiores, poden desfrutala en privado ou compartila mandando unha foto a algún dos correos dos centros socioculturais. As ordes son:

Luns 8. Lentes levarás
Martes 9. Abrigado no pescozo irás.
Mércores 10. Descombinado andarás.
Xoves 11. Algo na cabeza levarás.
Venres 12. Vestido de festa irás.
Sábado 13. Algo de cor vermella elixirás.
Luns 15. Algo cor verde levarás.
Martes 16. de bandido/a irás.
Mércores 17. De negro da cabeza ata os pes irás.

Saaabor!
O 13 de febreiro, ás 18:00 h., terá lugar no Centro Sociocultural de Santa Marta un avance do espectáculo Saaabor! Os actores Fran Rei e Félix Rodríguez, dirixidos por Avelino González, presentan este espectáculo cómico no que recoñecidos chefs nos ofrecen pratos para todos os gustos. Unha actividade que recorda que, a pesar das restriccións anticovid, a cultura segue moi viva e presente nos centros socioculturais de Santiago de Compostela. O avance da obra, destinada ao público familiar, poderá verse a través da canle de youtube da rede de CSC.

Outras actividades
O 4 de febreiro, a través da canle de youtube dos CSC, a tenda de xoguetes EscondiT ensinará a xogar en familia, a través da proposta "Xogo en liña. Como se xoga?. O xoguete elixido para esta actividade será o mesmo co que se agasalle ao mellor disfrace familiar e infantil.

Tamén está previsto, sempre que a climatoloxía o permita, adornar as rúas polo entroido, na contorna dos CSC de Santa Marta, de Vite, do Romaño, do Ensanche, do Castiñeiriño, das Fontiñas e de Conxo. Adornaranse árbores e elementos urbanos para ambientar o barrio polo entroido.

Desde o cartel do "Entroido 2021" pódese acceder a un código QR que permite descargar o formulario de inscrición nas actividades que o requiran. Tamén se pode obter máis información no Facebook @SantiagoSocioCultural ou no twitter @CSocioCulturais. Os cancelos empregados son #Entroidonacasa e #NoEntroidoPretodeTi.

A estas actividades para celebrar o "Entroido 2021", programadas pola concellería que dirixe Javier Fernández, súmase o concurso "O disfrace invisible", presentado onte e organizado polo Museo de Maxia Kiko Pastur, en colaboración con Mery Pais, a Asociación Cidade Vella e o Concello de Santiago, a través das concellarías de Acción Cultural e de Festas. Consiste en disfrazarse para camuflarse ou "desaparecer" da imaxe, en lugares recoñecibles de Compostela. O prazo para a presentación das fotos péchase o 16 de febreiro.

Documentos relacionados



Compartir: