MEDIO AMBIENTE

Novos agasallos para os cidadáns que máis reciclen, dentro do programa Tropaverde

03/02/2021 O edificio CERSIA de San Lázaro acolleu esta mañá a presentación da nova campaña "Reciclar en Santiago ten premio",dentro do programa Tropaverde. O acto, presidido polos concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro, e de Centros Socioculturais, Javier Fernández, departamentos impulsores do programa, tamén serviu para entregar os agasallos ás gañadoras do concurso de envoltorios "Santiago recicla o Nadal".

Tropaverde é unha plataforma web que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais. O funcionamento é moi sinxelo: cada vez que un cidadán ou cidadá deposita un residuo en determinados sitios recibe un cheque con estrelas (puntos). Esas estrelas pódense ir acumulando na conta de cada usuario (previa alta de balde na web) para trocalas por descontos e agasallos (no apartado Recompensas), que achegan os comercios e establecementos de hostalaría que colaboran coa plataforma.

Dende a semana pasada xa está en marcha a nova campaña do programa, "Reciclar en Santiago ten premio", con catro novas recompensas ofertadas polo Concello de Santiago de Compostela: unha bolsa de tea para a compra, unha bolsa de merenda, unha botella de vidro reutilizable e un paraugas. O valor de cada unha delas é de 300 estrelas e o cupón xerado no troco debe ser presentado no momento da súa recollida.

As catro novas recompensas incorporan a imaxe de tres personaxes que serán os protagonistas da nova campaña de comunicación que se desenvolverá ao longo deste 2021: 3-R, Volta e Printo. Representan as 3 R da reciclaxe (reducir, reciclar e reutilizar) e buscan empatizar co público infantil e familiar.

Co lanzamento destas catro novas recompensas, os centros socioculturais, o Centro Xove da Almáciga e a Casa das Asociacións de Cornes adquiren un novo protagonismo. Ata o de agora, estes centros actuaban como emisores de estrelas, a cambio das boas accións medioambientais da cidadanía. Agora, actuarán tamén como lugar de entrega das novas recompensas, previa presentación do cupón xerado no momento do troco a través da web da Tropaverde.

É importante ter en conta que, se ben xa é posible realizar o troco de estrelas polas recompensas na páxina web, a rede de Centros Socioculturais, o Centro Xove da Almáciga e a Casa das Asociacións de Cornes permanecerán pechados ao público ata novo aviso por mor da actual situación sanitaria. Por tal razón, o cupón xerado ao trocar a recompensa non caducará e as recompensas poderán recollerse no centro correspondente cando estes abran de novo as súas portas á veciñanza.

Entrega dos agasallos de "Santiago recicla o Nadal"
Por ser o Nadal unha das épocas do ano na que máis refugallos se producen, o Concello de Santiago de Compostela e a iniciativa TROPAVERDE puxeron en marcha o concurso de envoltorios realizados con materiais reciclados, reutilizados e/ou biodegradables co fin de promover boas prácticas medioambientais entre a cidadanía e reducir a cantidade de residuos xerados nestas datas.

Recibíronse un total de 11 propostas creativas de envoltorios e as 3 gañadoras seleccionadas foron aquelas que resultaron máis orixinais e con maior diversidade de materiais empregados, a criterio do xurado. O primeiro premio recaeu en Natalia Val, pois, segundo o xurado, a súa proposta presentada "un elevado número de materiais reutilizados empregados (4 tipos diferentes). Ademais, reutiliza residuos biodegradables que se xeran en grandes cantidades no día a día e que teñen unha vida útil moi curta (a vida da bolsa do pan así como das bandexas de pasteis das que procede o adorno que percorre o borde superior do agasallo, é moi curta e dura unicamente o traxecto dende a panadaría ata a casa). Por último, presta moita atención aos detalles (bola de mimbre, adorno que percorre o borde superior da bolsa) e tanto a bola como o fío poden ser reutilizados para outros agasallos".

O segundo premio foi para o envoltorio de Carmen Fernández, pola "alta diversidade de materiais empregados (3 tipos diferentes, 2 dos cales son totalmente biodegradables: a planta e as noces). Ademais, o envase metálico pode ser reutilizado para outros agasallos. Destaca a orixinalidade da composición, lonxe da idea do envoltorio tradicional. Destaca tamén a ausencia de materiais plásticos na elaboración".

En terceiro lugar quedou o agasallo presentado por Ana Castro, do que o xurado valorou a "diversidade de materiais empregados (5 tipos diferentes). Reutiliza dous tipos de residuos que se xeran en gran cantidade e que teñen unha vida útil moi curta: a bolsa do pan e os paus de xeado de madeira. O feito de poñerlle cor aos paus de xeado e as diversas cartolinas de cores empregadas para a confección da árbore denotan creatividade e o esforzo dedicado á preparación do envoltorio".

Tropaverde
TROPAVERDE é unha iniciativa medioambiental que naceu no ano 2015 impulsada polo Concello de Santiago, URBASER e a empresa TEIMAS co obxectivo de premiar as boas accións medioambientais no eido da reciclaxe de residuos. Actualmente colaboran co programa, que conta con 3.974 usuarios, 61 establecementos. Dende o seu inicio trocáronse por puntos 14.768 cheques e e entregáronse 2.206 recompensas.

Compartir: