CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio realizará unha campaña de promoción turística na primavera

02/02/2021 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade empezou a traballar nunha potente campaña de publicidade que se porá en marcha no momento en que o permita a pandemia, segundo explicou o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, tras a reunión da Comisión de Turismo celebrada hoxe de forma telemática: "Imos desenvolver campañas de promoción turística a partir dos meses de maio e xuño e imos dedicar todos os nosos esforzos a tentar que, unha vez que pase o peor da pandemia, esteamos preparados con iniciativas e con capacidade de ofertar o mellor das nosas cidades ao turismo nacional e internacional".

Rodríguez Osuna destacou que "a Comisión de Turismo coñeceu hoxe de primeira man o resultado do estudo da estratexia post COVID que as 15 Cidades contrataron a través dunha consultora co apoio do Goberno de España. Estes resultados van ser analizados polos nosos técnicos de turismo e concelleiros para, nunha posterior Asemblea de Alcaldes e Alcaldesas que se vai a celebrar en Madrid coa ministra de Turismo, dar a coñecer os resultados".

Ademais, o presidente do Grupo avanzou que este xoves o Grupo asina convenios de colaboración co Concello de Madrid e tamén coa rede de Paradores Nacionais, para impulsar a promoción do mercado nacional despois da primavera. Entre as novidades para 2021, segundo Rodríguez Osuna, inclúese "unha proposta para elaborar unha guía gastroturística das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade na que imos pór de relevo as excelencias da nosa gastronomía, ademais de apoiar ao sector da hostalaría e a restauración, tan afectado pola pandemia".

A campaña de promoción no mercado nacional en 2021 incluirá un acto no marco de FITUR e outra presentación en Sevilla. Ademais, o Grupo non descarta a promoción internacional. De feito, o presidente subliñou que, tras a viaxe a París e o encontro coa alcaldesa Anne Hidalgo, está previsto un acto de promoción das 15 Cidades do Grupo na capital de Francia no mes de Maio.

Na Comisión de Turismo tamén se abordou a reunión desta mesma semana do presidente de Segittur e o presidente do Grupo cos técnicos de Turismo do Grupo e os técnicos da Rede de Destinos Intelixentes para a presentación dos proxectos en marcha de cara a impulsar o traballo do Grupo na rede.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: