URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a séptima fase do despregamento de fibra óptica na zona monumental

02/02/2021 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a séptima fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 7", que conta cun orzamento de execución material de 25.259,35 euros.

O proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en:

Quinteiro de Rúa da Moeda Vella, Praza de San Martiño e Fonte de SAn Miguel e Abril Ares.

Quinteiro de Rúa da Moeda Vella, Abril Ares, Rúa da Troia e Campás de San Xoan.

Quinteiro de Rúa da Moeda Vella, Campás de San Xoán, Rúa da Troia e Acibechería.

Quinteiro da Praza da Inmaculada, Praza da Quintana de vivos, Vía Sacra e Acibechería.

Quinteiro da Rúa da Acibechería, Praza de Cervantes, Preguntoiro, San Paio de Antealtares e Vía Sacra.

Quinteiro da Rúa Tda Troia, Praza de San Miguel, Rúa de Xerusalén e Acibechería.

Rúa de Xerusalén (impares) e Praza de Cervantes (num. 12-20)

Quinteiro da Rúa Casas Reais, Praza de Cervantes, Rúa de San Bieito e Rúa das Ánimas.

Quinteiro da Rúa Casas Reais, Rua das Ánimas, Rúa de San Bieito, Curro da Parra e Rúa Travesa.

Quinteiro da Rúa Travesa, Rúa de San Bieito, Praza do Irmán Gómez, Rúa Oliveira e Sae se podes.

Rúa das Casas Reais (num. 11-27) e Praza de Salvador Parga.

Colexio Maior Santo Agostiño e Escola de Artes Mestre Mateo.

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% aos posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que con similares condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago, e contarán co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento; e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola súa superficie.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Muros
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente a intervención nunha parte do muro da Finca Simeón, de acordo coa "Memoria valorada para a execución da obra de reconstrución parcial do muro da entrada noresta da Finca Simeón", que conta cun orzamento de execución material de 12.773,97 euros e un prazo de execución de tres semanas. A solicitude contempla, entre outros, os seguintes traballos: limpeza da enramaxe vexetal que cubre o muro nas súas caras vistas; desmontaxe do tramo do muro afectado con almacenamento de cachotes para a súa reutilización; reconstrución con recheo de morteiro de cal hidráulica natural e xunta seca; e tratamento antiraíces.

Tamén se establecen distintas condicións para a execución da obra, entre elas a análise, se existen, das causas externas ao muro que poidan afectar negativamente á súa conservación ou estabilidade: asentos diferenciais no terreo de sustentación, escorrentías de auga procedentes da beirarrúa lindeira, árbores ou especies vexetais invasoras, etc. No caso de que se dea algunha destas circunstancias, proporanse as actuacións que se consideren imprescindibles para a correcta conservación do elemento.

Outros asuntos
Por outra banda, a comisión deulle o visto bó á instalación de paneis solares na cuberta da piscina universitaria, situada no Campus Sur, que conta cun orzamento de execución material de 7.599,17 euros. Establécese como condición que os 28 paneis solares proxectados deberán dispoñerse sobre a cuberta en sentido perpendicular ao solicitado, aliñados en dúas filas horizontais de 14 paneis cada unha, de xeito que a composición da instalación semelle o máis posible a un lucernario ou sucesión de ventás da propia cuberta.

Tamén informou favorablemente sobre as obras de reforma no Pazo de Valderrrama, na Praza de Mazarelos. Consistirán na substitución do cano existentes de chumbo por un novo de zinc, e na recolocación de tellas do faldón afectado polas obras de mantemento do cano. A actuación conta cun orzamento de execución material de 5.978,16 euros.

Outros asuntos informados favorablemente son a solicitude de iluminación da torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela durante os fins de semana previos ao 25 de xullo do 2021, presentada pola Dirección de Turismo de Galicia; e a instalación dun rótulo de Cáritas Diocesana de Santiago na fachada dianteira do inmoble ocupado polo Centro de atención social para persoas sen fogar, na rúa das Carretas.

A maiores, informouse, en relación á solicitude da organización "International Solidarity for Human Rights" para a instalación dunha placa monumental da Ruta dos Dereitos Humanos no Camiño Primitivo, que podería ser autorizable nas seguintes localizacións: a contorna do Monte do Gozo, pola sús significación hsitórica e mesmo etimolóxica; na contorna do Pazo de Congresos en San Lázaro, preto da "Porta Itineris Sancti Iacobi"; ou no Centro internacional de acollida ao peregrino, situado na rúa de Carretas, en calquera dos seus espazos interiores, previa autorización do Arcebispado, por ser o propietario do inmoble.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: